Novas

venres, 20 de novembro de 2020

Un centenar de autónomos e pequenos negocios beneficiaranse da segunda convocatoria das axudas PAME do Concello

Esta mañá publicouse no taboleiro de anuncios municipal a lista de adxudicatarios, que obteñen subvencións de entre 1.000 e 2.600 euros. Na primeira convocatoria entregáronse máis de 1,7 millóns de euros a 1.155 negocios, mentres que na segunda se abonarán cerca de 150.000 euros


O Concello de Ferrol publicou esta mañá no seu taboleiro de anuncios a lista definitiva de 98 beneficiarios da segunda convocatoria do Plan de Mellora para a Empregabilidade (PAME-Ferrol), que suma así, entre as dúas, un total de 1.253 negocios. Despois de que a Administración local entregara 1,7 millóns nunha primeira convocatoria, a esa cantidade únense agora 147.600 euros, para un total de 1.849.990. A concellería de Promoción Económica dotou de 2 millóns de euros esta liña de axudas para combater os efectos da pandemia entre os autónomos e os pequenos negocios da cidade, de modo que finalmente se esgotaron practicamente un 93 % deses fondos. Tanto o alcalde, Ángel Mato, como a concelleira María Teresa Deus destacaron a importancia de que o remanente sexa pequeno, aínda que o Concello xa está a traballar nun novo plan para conceder axudas aos sectores máis castigados pola crise. 


Deste modo, os negocios de Ferrol máis afectados pola actual situación poderán optar a unha nova liña de axudas que van coordinar o Concello e a Deputación. Trátase dun fondo de ao redor doutros dous millóns de euros, como o PAME, dos que entre 1,2 e 1,3 procederán dos remanentes municipais e o resto do organismo provincial. Ambas Administracións traballan xa tanto na elaboración das bases da convocatoria como na fórmula máis áxil para materializar esa contribución. 

A nova liña de axudas, anunciada por Mato e o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, ten como obxectivo paliar a difícil situación pola que atravesan diferentes sectores da economía local. O alcalde mencionou especialmente o da hostalería, unha actividade á que se dedican arredor de cincocentos negocios do municipio ferrolán, pero non esqueceu, entre outros, o comercio, o ocio ou a cultura. O rexedor lembrou que o Concello, xa dende o primeiro estado de alarma, implementou varias medidas co obxectivo de paliar a diminución de ingresos dos negocios locais, como é o caso do PAME. Tamén destacou as bonificacións en materia de abastecemento de auga, saneamento e terrazas en períodos nos que os establecementos non puideron desenvolver a súa actividade con normalidade, uns beneficios fiscais que cifrou en máis de 150.000 euros. 

Ademais, o goberno local sacou adiante no pleno extraordinario celebrado o pasado día 11 varias modificacións das ordenanzas fiscais para habilitar diferentes bonificacións en taxas e impostos co fin de contribuír a paliar a crise entre os sectores que están a enfrontar a crise en maior medida.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar