Novas

sábado, 21 de novembro de 2020

O alcalde solicítalle á Xunta que inmediatamente despois das obras de saneamento na Malata se aborde o proxecto do río da Sardiña

A conselleira de Infraestruturas mostrouse de acordo coa necesidade dunha actuación que significará pechar definitivamente o saneamento da enseada, ao que, segundo coincidiron ambos, deberá seguir o da zona rural. Ángel Mato, o concelleiro de Urbanismo, Julián Reina; o voceiro do grupo municipal do PP, José Manuel Rey, e o vicepresidente do Parlamento de Galicia, Diego Calvo, acompañaron a Ethel Vázquez na súa visita a Ferrol


O alcalde solicítalle á Xunta que inmediatamente despois das obras de saneamento na Malata se aborde o proxecto do río da Sardiña

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, trasladoulle esta mañá á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, a necesidade de que Concello e Xunta aborden canto antes o proxecto para o saneamento do río da Sardiña, algo co que Vázquez se mostrou de acordo. Foi esta mañá durante unha visita ás obras de saneamento da Malata na que tamén participaron o concelleiro de Urbanismo, Julián Reina; o voceiro do grupo municipal do Partido Popular, José Manuel Rey, e o vicepresidente primeiro do Parlamento de Galicia, Diego Calvo. 


Segundo avanzou a conselleira, os traballos están rematados “nun 95 %”, e para o rexedor ferrolán, unha actuación inmediatamente posterior no río pecharía de forma definitiva o saneamento da enseada, “fundamental para completar o da ría”. Por ese motivo, insistiulle á conselleira na oportunidade que supón a fin dos traballos na Malata para, a continuación, centrarse nese proxecto. Mato aproveitou tamén para agradecerlle tanto á ela coma ao seu equipo “o traballo ben feito” e trasladoulle a total disposición do Concello a colaborar en todo aquelo que sexa necesario. 

A construción dun colector-interceptor na marxe esquerda do río da Sardiña daría solución ás graves deficiencias que presenta a rede na zona, xa que pasaría a verterse directamente á nova infraestrutura de saneamento da Malata. Logo de varias reunións mantidas entre o concelleiro de Urbanismo e a directora de Augas de Galicia, a Administración autonómica remitiulle ao Concello este verán un proxecto que os técnicos municipais xa revisaron e enviaron de novo á Xunta. A falta de concretar o investimento exacto, que nun principio se cifrou no entorno dos 700.000 euros, o goberno local xa contempla unha reserva de fondos para sufragar a parte que lle corresponda. 

Durante a súa conversa, o alcalde e a conselleira coincidiron tamén en que unha vez que estas dúas obras completen o saneamento da ría (Vázquez avanzou que as da Malata rematarán a finais deste ano ou a principios do próximo), o seguinte paso será acometer o do rural.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar