As luces de Nadal comezarán a instalarse hoxe nas
rúas de Ferrol. Os adornos chegarán a todos os barrios da cidade e tamén á zona rural e
o tradicional acendido será, en principio, nos primeiros días de decembro e terá un
formato axeitado ás actuais circunstancias “Temos que ser absolutamente prudentes”,
destacou o portavoz do goberno local, Julián Reina, que o anunciou esta mañá despois
da reunión da Xunta de Voceiros. Nela, entre outros temas, abordouse tamén a
evolución da covid-19 na cidade. O edil aproveitou a súa comparecencia para
solicitarlle á cidadanía que respecte as medidas decretadas para atallar a epidemia e
asegurou que a Administración local está a incrementar os esforzos de “carácter
preventivo e informativo”.
Os portavoces dos grupos municipais acordaron, ademais, que o Concello de
Ferrol se sume á convocatoria lanzada pola Federación Española de Municipios e
Provincias para gardar un minuto de silencio polas vítimas da violencia de xénero. Será
o mércores 25 a mediodía, antes da plantación de roseiras ante a estatua de Concepción
Arenal, en Esteiro. Por outra banda, pechouse a conmemoración do Día da Constitución.
Este ano, no acto institucional participará como poñente o fiscal superior de Galicia,
Fernando Suanzes Pérez, que firmará no Libro de Ouro do Concello. A cerimonia está
programada para o sábado 5 pola mañá. Terá lugar no Salón de Plenos do pazo
municipal e asistirá unha pequena representación da corporación municipal. Debido á situación sanitaria, non se permitirá acceso ao público, pero poderase seguir a través das
redes sociais do Concello vía streaming.
Finalmente, a reunión serviu para analizar a solicitude da Real Academia Galega
para celebrar a súa sesión plenaria con motivo do Día das Letras o próximo 12 de
decembro no Teatro Jofre. Julián Reina explicou que aínda se está en conversas sobre
este asunto, pero que a Xunta de Voceiros reitera a demanda de trasladar ao próximo
ano a dedicatoria das Letras Galegas a Carvalho Calero.
Carril bici
O tamén concelleiro de Urbanismo destacou que na reunión da Mesa de Contratación
Permanente celebrada hoxe abríronse as ofertas para a repavimentación e mellora do
carril bici da avenida de Esteiro. Reina dixo que “a xente está tomando cada vez máis a
rúa e un dos medios que utiliza é a bicicleta”, polo que considera que os carrís bici son
infraestruturas “mais demandadas que nunca”. Para o edil, trátase dunha “materia
pendente” do Concello e ve necesario completar as rutas existentes “co fin de conectar
os distintos barrios”.
“Sería un éxito conseguir unir Caranza con lugares como San Felipe”, dixo antes
de avanzar que a súa intención é “apostar” apostar pola bicicleta como medio de
locomoción e ser quen de conectar a avenida do Mar con Covas a través dunha ruta para
ciclistas.
O aparcamento de Canido abrirá “sen limitación horaria”
Reina informou sobre a situación do aparcamento de Canido, unha cuestión “falada co
resto de grupos en Xunta de Voceiros e consultada cos veciños”. Lembrou que o
goberno local “atopou iniciada a licitación” e que sempre contemplou este proxecto
“con escepticismo”, por estar situado nun espazo que non é de propiedade municipal e
que, considera, “non cumpre a función disuasoria”. “As cidades teñen que estar
planificadas e non improvisadas”, afirmou.
Dito isto, avanzou que o aparcadoiro abrirá “sen limitación horaria, tamén pola
noite” e que esta decisión adoitouse “froito da convicción democrática” do goberno
local e despois de escoitar “as distintas sensibilidades”, tanto de grupos políticos como de representantes veciñais. Isto, sinalou, é contrario á opinión do equipo de goberno,
que consideraba máis axeitada a rotación de vehículos e o peche nocturno para evitar
perigos. “Pero aceptámolo”, abundou.
Reina explicou que a única modificación decidida polo equipo de goberno
respecto desta actuación foi eliminar o acceso pola rúa Alegre, porque sería “un erro”
permitir o paso intensivo de vehículos sobre unha beirarrúa. Tamén avanzou que a
apertura definitiva está prevista para a semana que vén, logo de que pechen os últimos
detalles para habilitar o plan de tráfico proposto pola Policía Local para as rúas
próximas, e que pór en funcionamento unha instalación situada nunha parcela privada
supón ter seguridade xurídica en canto aos servizos que o Concello debe prestar, como a
limpeza e mantemento, ou á responsabilidade civil.