Novas

luns, 23 de novembro de 2020

Xa son máis dun centenar as persoas inscritas para participar na xornada virtual de balde organizada polo Concello con motivo do 25 N

Mañá martes, ás 18 horas, comezará unha sesión on line a nivel nacional aberta ao público en xeral coa participación de poñentes expertos na loita contra a violencia de xénero. É unha das actividades programadas pola concellería de Muller, dirixida por Cristina Prados, con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller


Xa son máis dun centenar as persoas inscritas na sesión virtual de balde que terá lugar mañá martes, ás 18 horas, con motivo do 25N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que se celebra o mércores. A xornada, co título ‘25N: axenda e retos pendentes’, está aberta ao público en xeral e as persoas interesadas aínda poden anotarse na páxina municipal www.ferrol.gal/25n. 


Na cita poden inscribirse ata 500 persoas e contará coa participación de poñentes expertos na loita contra a violencia de xénero, tal e como explicou a concelleira de Muller, Cristina Prados. Intervirán, ademais do alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e a edil, o fiscal de Sala de Coordinación de Estranxeiría Joaquín Sánchez-Covisa, que falará sobre a necesidade de contar con medidas eficaces contra a explotación das mulleres. Tamén participará a fiscala delegada de violencia de xénero en Andalucía, Flor de Torres, para abordar a aposta da Fiscalía pola igualdade. A ex deputada Ángeles Álvarez tratará o problema como axenda inconclusa e Marisa Soleto, xurista e directora da Fundación Mulleres, falará sobre a situación dos orfos e orfas da violencia de xénero.

A xornada virtual tamén contará coa participación de Sonia Váccaro, psicóloga clínica experta en vitimoloxía e violencia de xénero, quen abordará a violencia vicaria e a necesidade de protexer aos menores vítimas. Por último, a profesora e periodista Isabel Menéndez, tamén directora da unidade de igualdade da Universidade de Burgos e doutora en Filosofía, impartirá a conferencia ‘De Ana Orantes a Laura Luelmo e mentres tanto a manada: as violencias contra as mulleres na prensa’.



Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar