martes, 24 de novembro de 2020
O goberno local reclama á Xunta que reconsidere a eliminación do SAF extraordinario, que en Ferrol está a atender na actualidade a 21 maiores
O grupo municipal socialista levará ao pleno deste xoves unha moción para pedir ao goberno autonómico a ampliación do programa, que finalizará o 1 de decembro. A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, insta á Xunta a reconsiderar a decisión de eliminar unha asistencia posta en marcha para a “atención urxente e temporal” das persoas maiores afectadas polo primeiro estado de alarma
O goberno local de Ferrol levará ao pleno deste xoves unha moción pola que reclaramará á Xunta de Galicia que reconsidere a decisión de eliminar a partir do próximo 1 de decembro o servizo de axuda no fogar (SAF) de carácter extraordinario, posto en marcha pola Consellería de Política Social para a “atención urxente e temporal das persoas maiores que se viron afectadas pola situación do anterior estado de alarma pola covid-19” e o manteña, ao menos, durante todo o presente estado de alarma, tal e como explicou esta mañá a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero.