Novas

xoves, 26 de novembro de 2020

O Concello concentra no ponte da Constitución as actuacións de Festea adiadas por mor do peche da actividade cultural durante dúas semanas

O concelleiro de Cultura, Antonio Golpe, indicou que a intención do goberno local é non suspender espectáculos como apoio ao sector da cultura ao tempo que ofrecer ocio infantil durante os días festivos cumprindo sempre o protocolo covid-19. As entradas, de balde, repartiranse o mesmo día da función no despacho de billetes do centro onde se desenvolva —Teatro Jofre ou centro cultural Torrente Ballester—, desde dúas horas e media antes de que comece a obra


O Concello concentra no ponte da Constitución as actuacións de Festea adiadas por mor do peche da actividade cultural durante dúas semanas

O Concello de Ferrol vai concentrar no ponte da Constitución as actuacións do festival municipal infantil de balde ‘Festea’ que tiveron que ser adiadas a finais de outubro por mor do peche da actividade cultural na cidade durante dúas semanas. Antonio Golpe, concelleiro de Cultura, explicou hoxe que a intención do goberno local é “non suspender espectáculos” nunha “clara aposta polo sector da cultura” ao tempo que, dixo, desde o Concello “queremos ofrecer ocio infantil durante os días festivos do ponte cumprindo sempre o protocolo covid-19 e respectando as medidas de seguridade”. O edil volveu a pedir á cidadanía “responsabilidade individual” e insistiu en que “a cultura segura é posible”. O aforo permitido actualmente para a programación cultural é de 30 espectadores por sesión. 


Deste modo, o xoves 3 de decembro, ás 18.30 horas, terá lugar ‘Cuento de pocas luces’, da compañía A la sombrita, na capela do centro cultural Torrente Ballester. O venres 4, ás 18.30 horas, representarase ‘El tesoro de Barracuda’ da mesma compañía tamén no Torrente. O sábado 5 de decembro, ás 18.30 horas, será a quenda de ‘Ratoncito Pérez, la verdadera historia’, de Teatro Plus, no mesmo emprazamento. Por último, o domingo 6 de decembro haberá dúas sesións: ás 12.30 horas, na capela do Torrente, ‘Pequeños deseos’ de Teatro Plus; e ás 18.30 horas ‘De gatos y ratones’, de Teatro del Carmen, no Teatro Jofre. 

As entradas, todas de balde, repartiranse o mesmo día do espectáculo no despacho de billetes do centro onde se desenvolva a actividade —Teatro Jofre ou Torrente—, desde dúas horas e media antes de que comece a función. Repartiranse un máximo de 4 por persoa e o aforo permitido é de 30 espectadores.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar