Novas

venres, 27 de novembro de 2020

O Concello presenta ‘Look Eats’, a plataforma de servizo de comida a domicilio para a hostalería de Ferrol

O alcalde, Ángel Mato, e a concelleira de Promoción Económica, María Teresa Deus, deron a coñecer esta mañá a ferramenta, ata agora en período de proba. Xa son 35 os locais adscritos e 10.000 as descargas da plataforma a través da cal se fixeron 900 servizos á semana no último mes a máis de 4.100 clientes. O rexedor dixo que se trata dunha nova medida “en apoio ao sector da hostalería, que ven sufrindo as consecuencias da crise xerada pola covid-19”


O Concello presenta ‘Look Eats’, a plataforma de servizo de comida a domicilio para a hostalería de Ferrol

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, presentou esta mañá a nova plataforma de servizo a domicilio para a hostalería de Ferrol ‘Look Eats’, unha ferramenta ata agora en período de proba que hoxe celebra o seu lanzamento co envío de balde durante toda a xornada. O rexedor estivo acompañado pola concelleira de Promoción Económica, María Teresa Deus, o presidente da Asociación de Empresarios de Hostelería de Ferrol e Comarcas (entidade colaboradora na iniciativa) Emilio Vázquez, e a xerente da entidade, Luisa Barro. 


Mato indicou que se trata “dunha nova medida” no marco do paquete de iniciativas postas en marcha polo Concello de Ferrol “en apoio ao sector da hostalería da nosa cidade, que ven sufrindo as consecuencias da crise pola covid-19”. É, dixo, un servizo que chega no “momento oportuno” nunha situación na que moitos locais necesitan dispoñer dun servizo “áxil e de calidade” para entregar os pedidos aos clientes, polo que desde o Concello entendemos que debíamos deseñar unha plataforma para que os nosos emprendedores puideran ofrecer este servizo”. No período de proba, dixo, “xa demostrou que é un instrumento dinamizador da hostalería” e animou aos donos dos locais da cidade a adherirse á iniciativa.  

“Vantaxes” da plataforma 
Pola súa banda, a concelleira de Promoción Económica, María Teresa Deus, insistiu en que forma parte das medidas deseñadas polo Concello co fin de axudar a paliar os efectos da pandemia ao sector da hostalería e aplaudiu “o esforzo” feito polos donos dos locais “na súa adaptación á nova ferramenta”. Os que xa están adheridos, dixo, “xa están comprobando as súas vantaxes”. 

O presidente da Asociación de Hostalería de Ferrol e Comarcas, Emilio Vázquez, agradeceu ao Concello de Ferrol a posta en marcha da plataforma porque, dixo, “chega no momento máis oportuno”. “Se algo necesitábamos os hostaleiros é precisamente este empuxón”, dixo. Tras o período de proba, o representante dos hostaleiros cualificou ‘Look Eats’ como unha plataforma “moi seria”, e recoñeceu ao Concello “todo o que se está a facer pola hostalería” da cidade. Por último, a xerente da entidade, Luisa Barro,destacou a “boa acollida” da plataforma, que serve tamén a outros municipios, e anunciou que “xa existe unha lista de locais e empresas que queren sumarse á iniciativa”. Ademais, lembrou que durante todo o día de hoxe os gasto de envío son de balde. 

A posta en marcha da plataforma xa xerou un posto de traballo para a xestión da ferramenta e a curto prazo están previstos dous máis. Os locais interesados en adherise á plataforma poden enviar un correo electrónico a hosteferrol@hosteferrol.org ou chamar ao número de teléfono 981 35 08 92.





Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar