O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, mantivo
esta mañá unha reunión de traballo con representantes veciñais de Cidade Xardín para
trasladarlles os avances no proxecto de execución do arranxo das deficiencias na
reurbanización da zona. O edil comunicoulles que neste momento se están a redactar os
pregos técnicos para a posterior contratación da actuación no marco do Plan de
sectorización Cidade Xardín no Vinculeiro, cuxo orzamento ascende a 695.207,56
euros.
Reina insistiu en que a aprobación do proxecto supón “un paso determinante para pór
fin a un problema que veñen sufrindo os nosos veciños desde hai moito tempo” e
apuntou que desde a concellería de Urbanismo axilizaranse os trámites para que canto
antes queden resoltas as deficiencias. O edil lembrou o programa de necesidades
conforme aos informes emitidos polos departamentos técnicos municipais, que inclúe a
conexión da avenida do Vinculeiro coa estrada de Santa Icía mediante un paso de peóns
que permitirá cruzar con seguridade aos peóns que circulen pola beirarrúa da estrada de
Santa Icía. Executarase a conexión viaria entre a urbanización Cidade Xardín e a
urbanización O Boial e tamén a continuación da beirarrúa no oeste da urbanización, que
dará continuidade ao itinerario peonil desde a avenida Buque Escola Galatea ata a rúa
Cruz de Arriba.
Reina tamén explicou que se executará a rasante da beirarrúa entre a estrada de Santa
Icía e a rotonda norte da urbanización e instalaranse salva bordos metálicos para
facilitar o acceso ás vivendas. Instalarase unha banda de 90 centímetros de ancho de baldosas direccionais en todos os pasos de peonís no interior da urbanización e
repoñerase os bordos e beirarrúas en mal estado. Do mesmo xeito realizarase unha
limpeza xeral nas beirarrúas, eliminaranse os elementos vexetais e rozarase a maleza.