O Concello de Ferrol celebrou esta mañá a festividade de
San Xiao co tradicional acto de entrega da distinción de ‘Ferrolán do Ano’ nun acto
pechado ao público aínda retransmitido en directo e marcado polas medidas de
seguridade e protección por mor da pandemia. O recoñecemento recaeu nesta ocasión
no persoal da Área Sanitaria de Ferrol —sanitario facultativo, sanitario no facultativo e
non sanitario—, tal e como acordaron por unanimidade os grupos municipais en sesión
plenaria.
Á festividade estaba invitada unha representación da corporación municipal de Lugo,
cidade coa que Ferrol mantén unha irmandade oficial dende hai xa máis de 20 anos. Tamén o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o xerente da Área Sanitaria,
Ángel Facio.
A tenente de alcalde e concelleira de Economía, Facenda e Emprego, María Teresa
Deus, asistiu á misa do patrón na concatedral de San Xiao e a continuación tivo lugar no
Teatro Jofre o acto central da festividade, que comezou coa actuación musical de Carlos
Mosquera (Mos) e Bea Rivas, que interpretaron Cloud number 9, de Bryan Adams, e a
firma no Libro de Ouro do Concello dos tres representantes do persoal homenaxeado:
Sabela Sánchez Trigo, facultativa especialista en Medicina Interna, como representante
do persoal sanitario facultativo; Gemma García Rivera, enfermeira e supervisora no
servizo de Urxencias, como representante do persoal sanitario no facultativo; e, por
último, Andrés Rey Jove, enxeñeiro adscrito ao servicio de mantemento, como
representante do persoal no sanitario da área sanitaria.
Tras a interpretación de Please don’t talk to me before my morning coffee, de O Sister, a
cargo dos músicos Mosquera e Rivas o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, destacou na súa
intervención que se trataba dunha cerimonia “certamente especial”. As butacas “que
quedan hoxe libres neste teatro”, dixo, “lémbranos que vivimos aínda momentos moi
complicados, pero penso que tamén vemos nelas o baleiro que deixaron os milleiros de
persoas que xa non están con nós a causa da pandemia”. A todos eles, ás súas familias e
aos seus achegados trasladou “o pesar do Concello e de toda a cidadanía”.
Mato deu as grazas a todos os homenaxeados deste ano, o persoal da Área Sanitaria de
Ferrol. “Moitísimas grazas por todo o traballo que fixestes e que sabemos que ides
seguir facendo”, dixo. “No medio das calamidades atopamos xente na que mirarnos e
cuxos actos nos empuxan a ser mellores e seguir adiante”, sinalou, e agradeceu a
presencia dos representantes do persoal sanitario, persoas de “vontade inquebrantable
que se destacaron, e continúan facéndoo, como a vangarda da nosa sociedade na loita
contra a covid”. Sobre o seu labor, o alcalde lembrou que “poucas situacións son
comparables a ter nas propias mans a vida de persoas afectadas por unha enfermidade
da que, cando comezou a estenderse, apenas se sabía que era unha das máis contaxiosas
ás que nos enfrontaramos nunca antes e que, convén non esquecelo, mata”.
Xuntos, continuou o alcalde ferrolán, “co empeño de non abandonar a ninguén”, dixo,
“somos mellores e máis fortes”, e o vínculo que hoxe renovaron as cidades de Ferrol e
Lugo, a irmandade que “nace de compartir obxectivos baseados no ben común, é o
camiño para construír un futuro mellor”, apuntou.
A solidariedade como alicerce
Esa solidariedade, dixo Mato, é o “alicerce sobre o que construír neste 2021 que comeza
todo aquelo que a crise do 2020 foi derrubando”, e chamou a saír da crise “cun sistema
público de saúde máis forte” como mecanismo “imprescindible”, xunto á educación,
para a “igualdade de oportunidades” entre todas as persoas.
Expresou o seu desexo de que a crise se converta nunha “oportunidade” para a cidade,
especialmente para Navantia como “motor económico de toda unha comarca”, e
mencionou cuestións como a “imprescindible carga de traballo ata o inicio do programa
de fragatas F-110” e o dique cuberto para o estaleiro ferrolán, para ser “competitivo
durante as próximas décadas e afianzarse entre os mellores do mundo na súa categoría”.
Sinalou tamén as potencialidades da cidade, que encaixan “cos modelos de transición
enerxética en marcha en medio mundo” e lembrou a necesidade de apostar polas
enerxías verdes a través da I+D+I, a creación dun centro de investigación e pola
posibilidade de instalar eólica mariña nas costas galegas.
O alcalde pechou a súa intervención agradecendo á alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a
súa presenza e a todos os ferroláns o seu “xeneralizado comportamento exemplar dende
que hai case dez meses as nosas vidas viraron dunha maneira impensable”.
Discurso de Lara Méndez
A alcalde de Lugo destacou pola súa banda os lazos entre ambas cidades e dedicou gran
parte das súas palabras a resaltar o labor desenvolvido polo persoal sanitario facultativo,
sanitario no facultativo e persoal no sanitario á hora de afrontar o virus. Son momentos
“duros e difíciles”, dixo, e “o voso traballo foi más alá do profesional, tivo unha clave persoal”, polo que “nos unimos ao recoñecemento que o Concello de Ferrol fai aos
traballadores da Área Sanitaria de Ferrol”.
Coincidiu co alcalde de Ferrol en apostar por reforzar un estado de benestar e sanitario
que de resposta ao “día a día”. Tamén na necesidade de inverter en I+D+I. Respecto ao
futuro, Méndez expresou que aínda hai “medo, incerteza e unha gran carga
psicolóxica”, o 2021 “é un ano de esperanza e ilusión para recuperar canto antes certa
normalidade e seguir avanzando”.
A alcaldesa de Lugo destacou o labor desenvolvido polos municipios durante a
pandemia, a administración “máis preto á cidadanía”. Os concellos “actuamos como
muro de contención, como escudo social. Entendemos que era o primordial”. Méndez
pechou a súa intervención mostrando o seu “respecto, admiración e gratitude aos
colectivos homenaxeados.
A continuación, ambos alcaldes intercambiaron agasallos de recordo da irmandade. O
de Ferrol entregou un azulexo que reflexa a fachada do Teatro Jofre con motivo da
conmemoración do 40º aniversario do falecemento de Rodolfo Ucha e a de Lugo, a
figura dun carballo de Sargadelos.
Tras unha nova interpretación musical, neste caso de Los abrazos prohibidos, de
Vetusta Morla, precedeuse á lectura do acordo plenario de 26 de novembro de 2020
sobre a distinción ‘Ferrolán do Ano’ e proxectouse un vídeo dedicado ao labor e traballo
en equipo desenvolvido polos homenaxeados que deu paso á entrega da distinción.
Mato, xunto coa rexedora lucense, o conselleiro de Sanidade e o primeiro tenente de
alcalde de Ferrol, Antonio Golpe, entregou o recoñecemento aos representantes dos
colectivos do persoal da Área Sanitaria.
Rey Jove, tras recibila, lembrou aos seus compañeiros: persoal de lavandería, de
limpeza, telefonistas, tamén transportistas, celadores, informáticos e administradores,
entre outros. Deu as grazas ao Concello de Ferrol por un recoñecemento “colectivo” a
“tantos traballadores de diferentes sectores”. Entre todos, dixo, “mantivemos o sistema
público sanitario”. Todos “vivimos unha tremenda proba de estrés”, apuntou, e “facemos o noso traballo o mellor que sabemos por un ben común que é a sanidade
pública”.
Pola súa banda, García Rivera expresou tras recibir a distinción que no mes de marzo se
viviron momentos “moi duros, de enorme desafío a nivel profesional”. Nese momento
“sentimos medo, inseguridade e illamento”, pero unha vez “encarada” a situación
chegou “o aprecio e a solidariedade de vos, da sociedade”. Rivera apuntou que
“tomamos conciencia da necesidade de estar unidos e da responsabilidade conxunta
para saír adiante”. A pandemia, dixo, “puxo de manifesto a necesidade de preservar a
sanidade pública universal e de calidade”. Por último, agradeceu a “posta en valor que o
Concello fai á sanidade pública e, por tanto, a todo o persoal que a conforma”.
Sánchez Trigo lembrou que a pandemia “arrasou con todo, con nosas vidas e coa nosa
forma de traballar”. Cada día “chegaban novas aportacións científicas e tivemos que
aprender sobre a marcha. Nunca antes vivimos unha situación parecida. O mundo parou,
pero nós non”. En medio da pandemia “atopamos”, dixo, “algo fundamental que xa
existía, o noso excelente equipo, formado por persoas normais capaces de facer cousas
excepcionais e afrontar calquera situación”. Rematou a súa intervención cun
agradecemento expreso polo recoñecemento “ao noso labor”.
Tras a última interpretación a cargo de Mosquera e Rivas, Héroes, de David Bowie, o
conselleiro de Sanidade agradeceu ao Concello de Ferrol a súa invitación ao acto e
encomiou o traballo desenvolvido polos profesionais da Área Sanitaria de Ferrol, que
mostraron “a súa grandeza, entrega e compromiso persoal”. “Sodes”, dixo “un equipo
excelente” e “gracias a vós o sistema sanitario galego funcionou” durante a pandemia.
Sobre o futuro, Comesaña apuntou que o sistema sanitario “é clave para que o proceso
de vacinación remate con éxito”.
Para rematar o acto pola festividade de San Xiao, Mato fixo referencia aos feitos
sucedidos na noite de onte en Estados Unidos, “case impensable ata que se producen” e
que “débennos levar a comprender que especialmente nos momentos difíciles é cando
debemos manter unida a sociedade e confiar na fortaleza das nosas institucións”. A defensa das ideas propias, dixo, e o debate político “débense afastar da confrontación
gratuíta e fundamentarse no respecto ás lexítimas diferenzas”. Sen esa premisa,
concluíu, “a democracia non pode perdurar”.
O alcalde agradeceu a presenza das corporacións de Lugo e Ferrol e dos representantes
dos homenaxeados e mostrou o seu desexo de que o próximo ano “nos reunamos neste
escenario cos amigos de Lugo e cos ferroláns máis destacados”. O acto pechou coa
proxección dun vídeo musical elaborado por músicos de Ferrol dedicado aos colectivos
que recibiron a distinción.