venres, 08 de xaneiro de 2021
O Concello activa o plan ‘En rede na casa’, que prestará tablets a menores vulnerables que necesiten continuar coa súa formación en caso de confinamento puntual
A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, recibiu esta mañá os dispositivos, que se prestarán ás familias que o soliciten a través dos centros escolares do municipio. O programa sae adiante co orzamento do Premio Solidario Cidade de Ferrol 2020, que homenaxeou ao conxunto de entidades sociais polo seu labor durante a pandemia. A iniciativa municipal está destinada a escolares que carezan de medios informáticos nos seus fogares

O Concello de Ferrol vén de activar o programa social ‘En rede na casa’, unha iniciativa pola que se vai prestar unha tablet co acceso a Internet (proporcionado de balde pola compañía R) aos escolares vulnerables da cidade e sen medios electrónicos nas súas vivendas que teñan que permanecer nos seus fogares por confinamentos puntuais motivados por ser positivos ou estar en contacto estreito co virus. Así o comunicou esta mañá a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, tras recibir os dez dispositivos electrónicos que desde hoxe mesmo están a disposición dos menores que o necesiten. As solicitudes, explicou a edil, tramitaranse a través dos centros escolares da cidade, que se poñerán en contacto coa concellería de Benestar Social.