venres, 08 de xaneiro de 2021
As obras de reurbanización da rúa Espartero comezarán o próximo luns
A intervención contempla a renovación total da vía no tramo entre San Antón e a estrada Alta do Porto e conta cun orzamento de 620.197,36 euros, dos que 496.157,89 corresponden a fondos europeos e 124.039,47 a unha achega municipal. O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, apuntou que se trata dunha “importante intervención na zona histórica da cidade” que “logrará revitalizar e dinamizar” o barrio de Ferrol Vello xunto coa tamén actuación municipal na rúa Carmen Curuxeiras

As obras de reurbanización da rúa Espartero, adxudicadas polo Concello de Ferrol, darán comezo o próximo luns, 11 de xaneiro. A mediados de decembro firmouse coa empresa adxudicataria o contrato deste proxecto que é unha operación cofinanciable polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (Feder) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España Feder 2014-2020 ao abeiro da Estrategia de Desarrollo Urbano Sostenible e Integrado (Edusi) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”. O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, indicou que se decidiu agardar unhas semanas para o inicio dos traballos para non ter pechada a rúa durante o Nadal e tamén para evitar que se produzan interrupcións xa no mesmo inicio das obras debido aos festivos.