O Concello de Ferrol activou onte o primeiro dispositivo
especial de protección das persoas sen teito con motivo das baixas
temperaturas desta fin de semana. As concellerías de Seguridade, que dirixe Germán Costoya, e de Benestar Social, da que é titular Eva Martínez Montero, coordinan un
plan que comezou na noite de onte e que se manterá ata o luns co fin de ofrecer
aloxamento e protección a todas as persoas sen fogar da cidade.
A agrupación de voluntarios de Protección Civil de Ferrol activou para iso un equipo
especial formado por 12 efectivos —entre o persoal dos tres vehículos do servizo e da
ambulancia, o xefe da agrupación e o persoal da central telefónica— co fin de atender á
media ducia de persoas que nun principio se estima dormen na rúa. Durante na xornada
de onte, que comezou ás 22 horas ata preto das dúas da mañá, os voluntarios de
Protección Civil percorreron as rúas do municipio en busca das persoas sen fogar para
ofrecerlles acubillo, bebida quente (leite, café e caldo), comida e mantas.
Atenderon a cinco: unha aceptou ser trasladada pasadas a media noite á habituación
dunha pensión, proporcionada polo Concello, outra foi trasladada á casa dun familiar
tras manifestar que a súa intención era chegar camiñando de noite e os outros tres
rexeitaron o aloxamento ofrecido por Protección Civil. A todos eles ofrecéuselles
bebida quente comida e mantas. Os efectivos voluntarios tamén se interesaron pola súa
saúde, as súas últimas visitas ao médico e a súa situación familiar. Tamén se lles
proporcionou un contacto ao que recorrer en caso de necesidade.
A primeira xornada do dispositivo especial comezou xa pola tarde, coa provisión de
mantas e a preparación da bebida quente e bocadillos nas instalacións de Protección
Civil no Sánchez Aguilera.
Aloxamento
Hoxe sábado e mañá domingo continuará o dispositivo especial por mor das baixas
temperaturas. O obxectivo, explican os edís de Seguridade e Benestar, é ofrecer a todas
as persoas que dormen na rúa un aloxamento se eles queren.
O Concello de Ferrol, a través da Mesa Técnica municipal sobre Persoas Sen Teito —integrada por diferentes entidades sociais da cidade— face un seguimento das persoas
que dormen na rúa co fin de proporcionarlles recursos. “O Concello, xunto coas
asociacións, que desenvolven un traballo vital para estas persoas, colabora de forma conxunta para abordar esta situación”, ao igual que “sucedeu durante o primeiro estado
de alarma”, cando se habilitou un albergue provisional na Casa do Mar, explicou
Martínez Montero.