Novas

luns, 11 de xaneiro de 2021

O Concello abrirá o novo aparcamento municipal do CHUF o 1 de febreiro

O voceiro do goberno local, Julián Reina, tamén anunciou esta mañá que hoxe comezaron as obras de reurbanización da rúa Espartero, en Ferrol Vello, e os traballos de substitución do chan do parque infantil da praza do Inferniño. O dispositivo especial posto en marcha esta fin de semana para protexer e dar aloxamento ás persoas sen teito da cidade por mor das baixas temperaturas fixo 17 intervencións


O Concello abrirá o novo aparcamento municipal do CHUF o 1 de febreiro

O voceiro municipal e concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, anunciou esta mañá que o novo aparcamento municipal do CHUF abrirá ao público o próximo 1 de febreiro despois de que mañá teña lugar a recepción da obra. Os traballos foron adxudicados por 241.300 euros (IVE incluído) e o acceso ao recinto sitúase na rúa Irmandade de Doadores de Sangue. 


O edil explicou que esta actuación complementa os traballos que se están levando a cabo no marco do Plan Director da Área Sanitaria de Ferrol. O novo aparcadoiro municipal conta con 123 prazas de estacionamento, catro das cales están reservadas para persoas con mobilidade reducida. Tamén hai unha zona para motocicletas nas inmediacións do acceso. 

Dado que se prevé que as instalacións sexan empregadas habitualmente por persoas maiores ou con dificultades físicas, explicou Reina, as prazas para estacionar son amplas, de 2,80 x 4,90 metros, de xeito que se lles facilite aos usuarios a entrada e saída dos vehículos. Entre as filas de aparcamentos hai un espazo seguro conectado cunha beirarrúa que percorre a zona norte da parcela ata a saída.

As prazas de estacionamento executáronse con lousas tipo céspede prefabricadas de formigón, tamén de cor area ou similar, de xeito que permitan o nacemento da herba no seu interior, o cal axudará a integrar o aparcadoiro no resto da parcela e servirá de drenaxe das augas pluviais. Tamén se plantaron árbores —das mesmas especies existentes no entorno: carballos e bidueiros— que no futuro darán sombra aos vehículos.

Inicio da reurbanización da rúa Espartero 
O voceiro do goberno local tamén anunciou que esta mañá comezaron as obras de reurbanización da rúa Espartero. A intervención é unha operación cofinanciable polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (Feder) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España Feder 2014-2020 ao abeiro da Estrategia de Desarrollo Urbano Sostenible e Integrado (Edusi) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”. Contempla a renovación total da vía no tramo entre San Antón e a estrada Alta do Porto e adxudicouse por 473.830,78 euros (incluídos impostos). O 80 % do orzamento corresponde a fondos europeos, mentres que o 20 % restante serán aportados polo Concello. 

Trátase dunha “importante intervención na zona histórica da cidade” que logrará, dixo Reina, “revitalizar e dinamizar o barrio de Ferrol Vello” xunto coa tamén actuación municipal na rúa Carmen Curuxeiras, que o Concello está a acometer na actualidade. Na rúa Espartero eliminaranse as beirarrúas, co que se disporá dunha plataforma única, aínda que con diferente pavimento para peóns (lousas de granito) e para vehículos (adoquín) entre San Antón e Baterías. Entre Baterías e a estrada Alta do Porto non haberá esa distinción e só se empregará granito. Aproveitaranse as lousas históricas na medida do posible, e o novo material que se necesite será de similares características. Tamén se renovarán as instalacións de saneamento e abastecemento de auga. Faranse canalizacións para soterrar o tendido eléctrico e colocarase novo alumeado acorde co de Ferrol Vello. O prazo de execución é de seis meses. 

Novo chan en parques infantís 
Reina tamén informou que esta semana tamén comezan os traballos para substituír o chan dos parques infantís da praza do Inferniño e da praza de Sevilla. A intervención en ambos recintos inclúe a retirada do chan amortecedor existente e a colocación dun novo, tamén amortecedor, e de caucho continuo. Terá ademais debuxos de diferentes formas e cores. 

En concreto, esta mañá comezou a intervención no parque do Inferniño e a mediados de semana iniciarase a renovación do solo do parque de praza de Sevilla. Neste caso tamén se substituirá o xogo accesible por outro tamén inclusivo e accesible e de dimensións e características similares ao actual. 

Avances no proxecto para rehabilitar a torre da batería baixa de San Felipe 
O edil tamén informou dos proxectos tratados esta mañá na primeira sesión do ano das Mesas de Contratación, na que se abordou a rehabilitación da torre do século XIX da batería baixa do Castelo de San Felipe para usos expositivos e o deseño do contido expositivo ao abeiro do proxecto MMIAH —programa europeo destinado á recuperación e valorización do patrimonio marítimo, militar e industrial da costa atlántica liderado por Ferrol—. O seu orzamento ascende a 99.999,99 euros e conta cun prazo de execución de catro meses. 

Os traballos previstos no Castelo de San Felipe inclúen o picado e encintado de cemento en fachadas, a rehabilitación das bóvedas interiores, a eliminación de elementos descontextualizados (como as instalacións de saneamento na fachada), o desmontado da instalación eléctrica existente, a demolición de fábricas de ladrillos ou bloques descontextualizados, a limpeza dos muros de cantería, a execución da cuberta, a colocación de elementos expositivos e a instalación eléctrica e dotación de elementos de loita contra incendios, entre outras intervencións. As Mesas de Contratación tamén avanzaron no servizo de mantemento de aparellos elevadores e portas automáticas e motorizadas do Concello e a subministración e instalación de luminarias LED en varios cadros da AP9 e viarios dependentes. 

Un total de 17 intervencións no dispositivo especial contra o frío
O Concello activou o pasado venres un dispositivo especial para dar aloxamento, mantas, bebida quente e comida ás persoas sen teito da cidade por mor das baixas temperaturas desta fin de semana. Para iso coordináronse as concellerías de Seguridade, que dirixe Germán Costoya, e a de Benestar Social, da que é titular Eva Martínez Montero. 

A agrupación de voluntarios de Protección Civil fixo un total 17 intervencións, varias ás mesmas persoas entre as noites do venres, do sábado e do domingo. A noite do venres atendéronse a cinco persoas, das que dúas aceptaron durmir baixo teito (unha en casa dun familiar e a outra foi trasladada a unha pensión). O sábado prestouse axuda a seis persoas e catro delas pasaron a noite nun aloxamento (dúas no albergue de Caranza, unha na vivenda dun familiar e outra foi acompañado ao CHUF). 

Por último, o domingo atendéronse a seis persoas, das que só dúas aceptaron o traslado, ambos ao albergue de Caranza. A todos eles Protección Civil ofreceulles mantas, comida e bebida quente e interesáronse pola súa saúde e situación familiar. O dispositivo especial manterase alerta nos próximos días. Por último, o voceiro informou que a Policía Local interpuxo esta fin de semana un total de 25 denuncias por incumprir a normativa covid. 








Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar