O novo sistema de vixilancia do tráfico que posibilitará á
Policía Local mellorar o control a circulación en Ferrol comezará a funcionar o próximo
luns, 18 de xaneiro. Logo de que os axentes que o van a manexar pasasen un período de
formación os catro dispositivos xa foron probados nos coches patrulla para verificar o
seu correcto funcionamento sobre o terreo.
A Policía Local de Ferrol recibiu a finais de agosto os dispositivos que forman parte do
novo sistema de videovixilancia. Está integrado por catro cámaras especiais, que se
conectan a dúas tablets con rede de datos e dúas impresoras que se montan nos coches
patrulla segundo as necesidades de cada servizo. Estes equipos facilitaranlles aos
axentes o control da circulación e do cumprimento das normas, xa que son capaces de
ler as matrículas sen lugar a erro aínda en movemento.
Ademais de identificar infraccións como o estacionamento en dobre fila ou sobre
beirarrúas e verificar o tempo de aparcamento de cada vehículo nas rúas, os aparatos
permitirán realizar outro tipo de labores, como comprobar de maneira inmediata a
situación administrativa de calquera vehículo. Por exemplo, se conta con seguro, se pesan sobre el precintos ou embargos ou se ten ao día a inspección técnica. Tamén
alertará aos axentes cando detecte vehículos que consten como roubados ou dos que se
sospeita que se empregan en actividades ilícitas, da mesma maneira que dos que sexan
utilizados usualmente por condutores multirreincidentes ou delincuentes.
Concienciación cidadá
Para o concelleiro de Seguridade e Tráfico, Germán Costoya, a misión máis importante
do sistema de videovixilancia do tráfico será a de “concienciar á cidadanía” de que as
normas de tráfico deben ser respectadas, “para mellorar a fluidez da circulación e evitar
prexuizos ao resto de usuarios das vías públicas, pero, por enriba de todo, para evitar
situacións de risco e accidentes”.
Cámaras para regular o acceso á Praza de Armas
O próximo luns tamén entran en funcionamento as cámaras de vixilancia instaladas nas
interseccións das rúas Sol e Terra e de Rubalcava con Igrexa para regular o tráfico polo
espazo peonil da praza de Armas.