Novas

martes, 12 de xaneiro de 2021

O Concello fai seguimento das persoas sen teito a través do programa municipal ‘Ferrol Acolle’

O plan de emerxencia e inclusión social presta especial atención a lograr a transición á vivenda das persoas que viven na rúa. As concellerías de Benestar Social e de Seguridade reactivan para esta noite e a de mañá o dispositivo especial para dar aloxamento, mantas, comida e bebida quente ás persoas sen fogar


O Concello de Ferrol fai seguimento das persoas sen fogar da cidade a través do programa ‘Ferrol Acolle’, posto en marcha pola concellería de Benestar Social, que dirixe Eva Martínez Montero. Trátase dun plan de emerxencia e inclusión social que presta especial atención a lograr a transición á vivenda dos sen fogar a través tanto de formación como do desenvolvemento de numerosas accións sociais. 


Neste programa incorporáronse as persoas que aínda non figuraban no rexistro municipal de Benestar Social e que foron atendidas polo dispositivo especial posto en marcha polo Concello o pasado venres e desenvolvido pola agrupación de voluntarios de Protección Civil para protexer do frío a quen dorme na rúa e ofrecerlles aloxamento a quen o require, mantas, comida e tamén bebida quente. A despregadura fixo durante a fin de semana un total de 17 intervencións, das que oito foron traslados (dous á vivenda dun familiar, un ao Chuf, outro a unha pensión e o resto ao albergue de Caranza). O resto xa están a ser atendidas polo departamento municipal de Benestar Social a través da Mesa Técnica sobre Persoas Sen Teito, integrada por varias entidades sociais da cidade. 

O Concello reactiva o dispositivo hoxe e mañá 
As concellerías de Benestar Social e a de Seguridade, que dirixe Germán Costoya, vén de reactivar para esta noite e a de mañá o dispositivo especial para ofrecer aloxamento, mantas, comida e bebida quente ás persoas sen fogar que o requiran. Un equipo de oito efectivos, con dous vehículos de Protección Civil e unha ambulancia percorrerán de novo as rúas do municipio en busca de persoas na rúa ante a baixada das temperaturas. 

Balance do dispositivo e análise da situación actual 
A Mesa Técnica sobre Persoas Sen Teito manterá unha nova reunión o próximo xoves, 14 de xaneiro, na Casa Solidaria, para abordar o plan de traballo para o presente ano, analizar a situación actual das persoas sen teito e facer balance do dispositivo municipal despregado por mor das baixas temperaturas.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar