Novas

luns, 01 de febreiro de 2021

O vídeo homenaxe a Rodolfo Ucha rexistrou a fin de semana preto de 3.500 visualizacións

O Concello abre hoxe o prazo de información pública de trinta días hábiles para que os veciños que o desexen motiven o acordo adoptado en Xunta de Voceiros para conceder ao arquitecto o título de Fillo Adoptivo de Ferrol. A peza audiovisual, na que participan o alcalde e a filla de Ucha, Lucila, pode verse na canle municipal de YouTube


O vídeo sobre Rodolfo Ucha Piñeiro (Vigo, 1882-Ferrol, 1981) que o Concello de Ferrol realizou e emitiu o pasado sábado polo 40 aniversario do seu falecemento rexistrou preto de 3.500 visualizacións a través da canle de Youtube do Concello (https://www.youtube.com/watch?v=xiz9un-pmUo&t=15s). Na cinta participan o alcalde, Ángel Mato, e Lucila Ucha, filla do homenaxeado, quen fai un percorrido pola figura e obra do arquitecto. 


Na liña do recoñecemento que o Concello está a realizar ao arquitecto, hoxe mesmo abre o prazo de información pública de trinta días hábiles para que os veciños que o desexen motiven o acordo adoptado en Xunta de Voceiros para conceder a Rodolfo Ucha o título de Fillo Adoptivo de Ferrol a título póstumo. Poden facelo por escrito a través da Sede Electrónica, no Portal do Cidadán (https://www.ferrol.gal:8443/cividas-core-web-ferrol/), onde encontrarán un modelo de comparecencia, ou enviando un correo electrónico rexistro@ferrol.es. O prazo estará aberto ata o 12 de marzo incluído. 

A concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, lembrou esta mañá que Rodolfo Ucha, foi “unha gran figura da arquitectura dentro do panorama modernista galego”, un profesional “excepcional que coñecía o acontecer mundial da súa especialidade e que superou, con abraiante brillantez, a difícil tarefa de estar ao día da súa profesión na periferia”. 

Formado na “múltiple sensibilidade artística” de comezos do século XX, Ucha “manexaba con facilidade os estilos imperantes”. Nos seus proxectos, dixo a concelleira, resume todas as esencias do modernismo que conxugaron as trazas neoclásicas coa arquitectura da Ilustración. As súas obras “están ligadas ao noso Ferrol mariñeiro e aberto ao mundo”, puntualizou. Foi arquitecto municipal do Concello de Ferrol (1906-1936), arquitecto ao servizo da Mariña (1909-1915) e arquitecto de Facenda (1919-1952). Durante preto de vinte anos compatibilizou o seu traballo como arquitecto municipal co libre exercicio da profesión. 

“Enriqueceu con novos edificios o trazado regular das nosas rúas”, explicou, onde “a súa pegada quedou directamente ligada á nosa cidade” nalgúns dos edificios máis emblemáticos situados no núcleo histórico: Fonda Suiza (actual Hotel Suizo), 1910; Casa Romero, 1910; Peixería Municipal de Abastos, 1910; Edificio de El Correo Gallego, 1912; Casa Pereira, 1912; Casa Rodríquez Fernández, 1912; Casa Brañas, 1913; Hotel Suízo, 1913; Hotel Ideal, 1917; Chalé de D. Emilio Antón Iboleón, 1918; Casino de Ferrol, 1921; Fachada do Teatro Jofre, 1921; Edificio Pita Saavedra, 1939; Edificio da Caixa de Aforros de Ferrol, 1936 e o Edificio Calvo Formoso, 1939. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar