Novas

luns, 01 de febreiro de 2021

O Concello instala unha carpa ante o Fontenla Maristany para as probas da covid-19

O alcalde destaca que existe un contacto permanente cos responsables da área sanitaria e que a Administración local colaborará en calquera necesidade que se lle traslade


O Concello de Ferrol está instalando ante o Fontenla Maristany unha carpa con fin de que acolla probas da covid-19 que se realicen nese centro de saúde. O alcalde, Ángel Mato, explicou esta mañá que mantén un contacto permanente cos responsables da área sanitaria, polo que a Administración local está ao tanto de calquera necesidade que poida xurdir e, así, prestar a súa “total colaboración” para atendela. Dese modo, ante a urxencia dun espazo cuberto próximo ás dependencias da praza de España, dende o goberno local decidiuse levantar esta infraestrutura temporal, que consta de 4 elementos de 3 por 3 metros cada un, para configurar un espazo total de 36 metros cadrados que tamén disporá dunha tarima que o separe do chan. 


Mato destacou tamén que a colocación da carpa estase facendo en coordinador cos responsables do Fontenla Maristany para que dispoñan dun lugar axeitado no que levar a cabo calquera tipo de proba, ou mesmo para que as persoas esperen a súa quenda para someterse a elas, de ser o caso, especialmente nun momento no que a situación epidémica é “tan delicada”. O rexedor chamou de novo á responsabilidade individual como mellor modo de conseguir o descenso do número de contaxios e aliviar a presión asistencial nos hospitais. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar