O Concello de Ferrol iniciou xa a redacción do que será o
primeiro Plan de Mobilidade de Ferrol, un documento que permitirá ordenar o espazo
urbano, mellorar a calidade urbana no ámbito da mobilidade, o medio ambiente na
cidade, reducir as emisións de CO2, ordenar e priorizar as vías segundo a súas
capacidades, entre outras cousas. O portavoz do goberno local, Julián Reina, informou
hoxe de que esta mesma semana manterá unha reunión coa técnico responsable de
revisar toda a documentación dos últimos anos e redactar o Plan de Mobilidade, que
será o primeiro de Ferrol. Contar con este documento, que se prevé que se leve a pleno
no primeiro semestre deste ano, permitirá “converter a cidade nun espazo destinado ás
persoas, ademais de poder optar a numerosas subvencións que a día de hoxe xa marcan
como requisito ter aprobado un plan de mobilidade urbano sostible.
O voceiro tamén explicou que hoxe comeza a primeira fase do plan de tráfico
especial con motivo das obras de reurbanización da rúa Espartero. Durante dous meses,
estará pechado o tráfico rodado no último tramo da vía, o comprendido entre Baterías e
a estrada Alta do Porto. Os vehículos que chegan desde Baterías e Espartero serán
desviados por Mercé ata Socorro, que cambia o seu sentido, para acabar no paseo da
Mariña e na estrada Alta. Reina lembrou de que as obras contemplan a renovación
completa do tramo entre San Antón e a estrada Alta. O voceiro agradeceu a
colaboración da asociación veciñal de Ferrol Vello para difundir os cambios no tráfico.
Reina lembrou que a actuación en Espartero forma parte da revitalización que
busca o Concello no barrio, xunto coa reurbanización que se está a levar a cabo na rúa
de Carmen Curuxeiras, onde esta mesma semana vai comezar a colocación da pedra do
segundo tramo. O proxecto nesta rúa inclúe o soterramento de todas as instalacións,
eléctricas, de telecomunicacións e de gas e a renovación das canalizacións do
abastecemento de auga e dos sumidoiros. A iluminación será substituída por puntos de
tecnoloxía LED e o mobiliario urbano será renovado por completo.
Na liña da revitalización de Ferrol Vello, o Reina anunciou que xa están
rematados os pregos para a contratación da redacción do proxecto de reurbanización da
rúa San Francisco.
Apertura do novo estacionamento municipal e de balde do CHUF
Na súa comparecencia, Reina anunciou que hoxe abriu ao público o novo aparcamento
municipal gratuíto do CHUF, unha actuación do Concello que complementa os traballos
que se están levando a cabo no marco do Plan Director da Área Sanitaria de Ferrol.
O novo aparcadoiro municipal conta con 123 prazas de estacionamento, catro
das cales están reservadas para persoas con mobilidade reducida. Tamén hai unha zona
para motocicletas nas inmediacións do acceso.
Prazo aberto para solicitar as axudas da terceira edición do PAME
O edil lembrou que segue aberto o prazo para solicitar as axudas a autónomos e
pequenas empresas recollidas no PAME III, o paquete de subvencións deseñado polo Concello co fin de outorgar liquidez aos sectores do tecido económico máis afectados
pola crise económica provocada pola covid: a restauración e hospedaxe, ocio nocturno,
comercio local e cultura. En total, a convocatoria recolle máis de 60 actividades
diferentes. As axudas pódense pedir ata as 23:59 horas do 24 de febreiro.
O procedemento será exclusivamente por Sede Electrónica e en na web
municipal (https://www.ferrol.gal/Shared/Contidos/90) está publicada toda a
información para tramitar as solicitudes para esta terceira edición do PAME, dotado
dunha contía inicial de un millón de euros á que se engadirán 800.000 máis aportados
pola Deputación. Reina lembrou que a través da primeira e da segunda convocatorias do
PAME o Concello abonou máis de 1,8 millóns de euros aos autónomos e pequenos
empresarios afectados pola crise económica. A maior parte deses fondos, arredor de 1,7
millóns, xa se pagaron no verán e o resto a finais do pasado ano. Entre as tres edicións
do PAME, as bonificacións en taxas, recibos de auga e recollida de lixo, “calculamos
que as axudas do Concello ao tecido económico da cidade van alcanzar unha cifra no
entorno dos catro millóns de euros”.
Avances no noiro de Santa Mariña
Respecto á evolución dos traballos no noiro da rúa Loureiro, no barrio de Santa Mariña,
o voceiro anunciou que xa rematou a fase de colocación da escollera e a canalización
das augas no primeiro tramo. Os traballos seguen avanzando no segundo.
Por último, o concelleiro informou de que durante esta fin de semana
interpuxéronse un total de 14 denuncias por incumprimento covid: 8 o venres, 4 o
sábado e 2 o domingo.