martes, 02 de febreiro de 2021
O Concello celebrará o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia cunha xornada telemática na que participarán doutoras en Economía, Física, Matemáticas e Medicina
O alcalde, Ángel Mato, e a edil de Igualdade, Cristina Prados, abrirán a sesión, que terá lugar o 11 de febreiro ás 16 horas

O Concello de Ferrol celebrará o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, o próximo 11 de febreiro, ás 16 horas, cunha xornada telemática titulada ‘Algoritmos para romper desigualdades’.
Abrirán a sesión o alcalde, Ángel Mato, e a concelleira de Muller e Igualdade, Cristina
Prados, e a continuación ofreceranse catro relatorios. O primeiro, ‘Empoderamento
económico feminino, retrocedendo ou avanzando’, impartiralo Ana Cebreiro Gómez,
doutora en Economía, responsable de Tributación Internacional no Banco Mundial e
académica correspondente na Real Academia Galega de Ciencias. O segundo,
‘Estratexias STEM: o reto de motivar as mozas a estudar enxeñería ou ciencias’, correrá
a cargo de María José Abad López, doutora en Física, titular de universidade no
departamento de Física e Ciencias da Terra e subdirectora da Oficina para a Igualdade
de Xénero da UDC.
Elena Vázquez Cendón, doutora en Ciencias Matemáticas, profesora de Matemática
Aplicada e decana da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de
Compostela (USC) encargarase do terceiro relatorio titulado ‘Existen mulleres nas
matemáticas? Si, podemos demostralo’.
Por último, o relatorio ‘De Ferrol ao Congo: retos e desafíos’, impartiralo Rebeca
Atencia Fernández, doutora en Medicina-Fisioloxía e directora do Instituto Jane
Goodall Congo e do Centro de Rehabilitación de Chimpancés do IJG en Tchimpounga, Congo. O prazo de inscrición comeza mañá mércores, 3 de xaneiro, a través da web
municipal https://www.ferrol.gal/Sede/MulleresNaCiencia e estará aberto ata o mesmo
día da xornada.