O Concello de Ferrol acaba de presentar dez actuacións á
convocatoria de axudas do Ministerio de Política Territorial e Función Pública para
paliar os efectos dos temporais do outono e o inverno do 2019. Tal e como lembrou esta
mañá o alcalde, Ángel Mato, trátase dunha liña de subvencións que a ministra Carolina
Darias, hoxe responsable da carteira de Sanidade, anunciou no pazo municipal ferrolán
o pasado 6 de setembro. Hoxe, o rexedor aproveitou para reiterarlle a Darias o seu
agradecemento tanto pola convocatoria como por tela anunciado na cidade e desexouse
“toda a sorte” no seu novo cargo.
Esta medida, posta en marcha mediante o real decreto 772/2020, de 25 de agosto
do 2020, ten como obxecto ampliar os fondos xa aprobados no 2019 e destinados a
sufragar as reparacións de danos causados por este tipo de incidencias meteorolóxicas,
que a finais daquel ano deixaron numerosos estragos en diferentes puntos da xeografía
española. No caso de Galicia, encadeáronse unha serie de borrascas, como foron Cecilia,
Daniel, Elsa e Fabien, que afectaron especialmente á zona de Ferrol.
Os proxectos que acaba de presentar o Concello, algúns xa executados ou en
marcha, mentres que outros está previsto que se acometan proximamente, son dez.
“Suman un orzamento aproximado de medio millón de euros”, avanzou Mato, que
tamén explicou que a parte subvencionable é do 50 %.
Os dez proxectos abranguen obras “de diversa entidade”, dixo a edil de Obras.
Todos dan resposta a danos producidos polos temporais, unhas borrascas que nalgúns
casos “agravaron a situación de edificios municipais que xa necesitaban arranxos”,
afirmou. Ana Lamas tamén lembrou que varias das actuacións están xa executadas,
como son a reparación da cuberta do Centro Cívico de Caranza ou a do polideportivo de
Santa Mariña, mentres que algunhas están en marcha, coma os traballos na Casa do
Deporte, e outras vanse acometer proximamente.
As máis destacadas, polo seu importe, son dúas: o reforzo e o saneamento dun
noiro situado en Doniños, que ten na súa parte superior un parque infantil e que linda
cunha pista deportiva, por valor de 161.000 euros, e a reparación de cubertas e fachadas
en FIMO, que se eleva a 210.000 euros.
O resto de reparacións refírense ao complexo polideportivo Javier Gómez Noya
(4.800 euros), o Centro Cívico de Caranza (13.900 euros), inmobles municipais na rúa
Valdoviño (1.800 euros), o polideportivo da Malata (1.600 euros), o polideportivo de
Santa Mariña (33.800 euros), o estadio da Malata (20.000 euros), a Casa do Deporte
(45.000 euros) e as instalacións náuticas da Cabana (1.500 euros).
Lamas agradeceu ao ministerio “esta posibilidade de cofinanciamento para obras
tan necesarias”, o que vai permitir ao Concello “preservar” parte dos seus fondos para
seguir acometendo obras nos edificios municipais.