Novas

xoves, 04 de febreiro de 2021

Os negocios afectados polos peches debidos ás medidas anticovid terán dereito á tarifa “sen actividade” nas taxas de auga, saneamento e lixo

Poderán solicitar este beneficio ante Emafesa entre os días 8 e 19 de febreiro, segundo decretou onte o alcalde, Ángel Mato. Esta é a terceira vez que o Concello pon en marcha esta medida dende o inicio da pandemia, o pasado marzo


Os negocios afectados polos peches debidos ás medidas anticovid terán dereito á tarifa “sen actividade” nas taxas de auga, saneamento e lixo

O alcalde, Ángel Mato, asinou onte un decreto polo que os negocios que non poidan desenvolver a súa actividade debido ás medidas de peche temporal de actividades establecidas pola Xunta de Galicia o pasado 26 de xaneiro (polo período 27 de xaneiro-17 de febreiro) pagarán polo recibo da auga e do lixo o importe mínimo, correspondente á tarifa “sen actividade” de abastecemento de auga, saneamento e recollida de residuos sólidos urbanos. 


Para solicitar este cambio de tarifa, os afectados disporán dun prazo que se abrirá o vindeiro luns, 8 de febreiro, e rematará o venres 19. Deberán facelo ante Emafesa (praza da Ilustración, 5, baixo), presencialmente ou por medios telemáticos (a través da dirección de correo electrónico info@emafesa.com, os números de teléfono 981 369 012 e 981 369 015 ou o fax 981 300 148), acreditando mediante o epígrafe o IAE e outros documentos que o avalen, o peche efectivo dos negocios. 

É a terceira vez que o Concello articula esta medida dende o inicio da pandemia, logo de poñela en marcha en abril e en novembro do 2020. Igual que nesta ocasión, nas dúas anteriores debeuse a peches forzosos decididos polas autoridades sanitarias. No correspondente ao confinamento de marzo e abril do pasado ano, cando afectou á gran maioría dos locais comerciais, acolléronse á tarifa “sen actividade” 823 establecementos, que aforraron un total de 122.764,87 euros na factura bimestral, cunha media próxima aos 150 euros por negocio.





Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar