O Concello de Ferrol vai resolver os problemas de
insalubridade que rexistra desde hai moitos anos a rúa Curros Enríquez como
consecuencia dos actuais vertidos pluviais e fecais procedentes de tres inmobles de dita
vía que desenbocan na arqueta dunha vivenda da estrada de Castela. A concelleira de
Obras, Ana Lamas, explicou que a situación se agrava coas fortes choivas, cando a
capacidade da arqueta resulta insuficiente, polo que se produce un foco de falta de
hixiene.
O Concello de Ferrol adxudicou no día de onte o proxecto por un importe de 34.706, 89
euros. As obras comezarán no prazo dun mes e pretenden dar servizo a un total de 25
vivendas repartidas nos tres edificios coa instalación dun novo colector na súa fachada,
con puntos de vertido individualizados, que recollerá os seus vertidos e mellorará as
condicións hixiénicosanitarias da zona. Deste modo tamén se evitará o paso dunha
instalación de vertido baixo as edificacións situadas na estrada de Castela.
Unha demanda veciñal que vén de moitos anos
A concelleira Lamas apuntou esta mañá que dita intervención é unha “demanda
histórica” dos veciños da rúa Curros Enríquez. Para a concelleira de Obras e Servizos
“era unha absoluta necesidade dar solución a esta situación” que repercute no día a día
dos residentes na zona. A execución dos traballos “permitirá por tanto eliminar os focos
de insalubridade na zona como consecuencia da configuración actual de vertido de
augas residuais á rede xeral de saneamento municipal”, apuntou Lamas.
Unha nova beirarrúa de dous metros para unificar
O tramo de beirarrúa afectado polos traballos proxectados presenta na actualidade tres
deseños distintos de beirarrúa, con diversos anchos. Co fin de harmonizar o entorno,
Lamas anunciou que as obras contemplan tamén a execución dunha nova beirarrúa de
dous metros de ancho fronte aos 1,2 da actual e acorde co entorno.