Novas

mércores, 03 de febreiro de 2021

A agrupación de voluntarios de Protección Civil realizou no mes de xaneiro 120 intervencións

O concelleiro responsable da área de Seguridade, Germán Costoya, apuntou que 90 foron traslados en colaboración co 061 e 12 como apoio aos servizos sociais municipais


A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ferrol realizou no mes de xaneiro deste ano un total de 120 intervencións, tal e como anunciou esta mañá o concelleiro de Seguridade, Germán Costoya. 90 foron traslados en colaboración co 061 —41 por enfermidade común, 16 tras caídas en domicilio, 10 pacientes covid, 5 caídas en vía pública, 3 servizos de índole social, outras tantos de pacientes psiquiátricos e 12 por outras patoloxías— e 12 intervencións como apoio a servizos sociais municipais, dos que 2 corresponderon a servizos de alimentación, outros dous de farmacia e 8 por outros motivos. 


Protección Civil tamén interveu en 8 emerxencias sociais, das que 4 foron teleasistencia domiciliaria, 2 para axudar a usuarios de necesidades especiais e outras 2 por outros motivos. En canto a servizos medioambientais, 5 en total, 3 foron para atender animais en terra e 2 na mar. Realizáronse tamén dous traslados sanitarios, un tras unha caída na vía pública e outro a un paciente psiquiátrico. Por último, a agrupación desenvolveu dúas intervencións preventivas en dispositivos de risco previsible e unha saída como apoio á Policía Local. 

Un labor “excepcional” que ocupou preto de 1.900 horas de traballos 
Os 120 servizos prestados pola agrupación durante o mes de xaneiro supuxeron preto de 1.900 horas de traballo a un total de 38 voluntarios. O edil de Seguridade reiterou unha vez máis o “excepcional” labor desenvolvido por Protección Civil, un equipo de persoas do que “todos os ferroláns debemos sentirnos moi orgullosos pola entrega e dedicación que demostran cada día”, apuntou.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar