Novas

xoves, 04 de febreiro de 2021

Julián Reina: “O plan de mobilidade aspira ao máximo consenso, non só político, senón tamén da cidadanía”

O concelleiro e a técnico encargada de elaborar a proposta presentaron hoxe na Comisión Informativa de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos, Obras, Seguridade e Contratación as liñas que guiarán o novo documento


O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, explicou esta mañá, tras a reunión ordinaria da Comisión Informativa de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos, Obras, Seguridade e Contratación, que o futuro plan de mobilidade de Ferrol “aspira ao máximo consenso, non só político, senón tamén da cidadanía”. Con ese espírito, Reina presentou aos representantes dos grupos municipais á persoa encargada de redactar o documento, a experta en sustentabilidade urbana María Ramos, que detallou as que van ser as liñas mestras do seu traballo. 


Reina insistiu en que o novo plan permitirá ordenar o espazo urbano, mellorar a calidade urbana no ámbito da mobilidade, o medio ambiente na cidade, reducir as emisións de CO2, ordenar e priorizar as vías segundo a súas capacidades, entre outras cousas. Contar con este documento, que se prevé que se leve a pleno no primeiro semestre deste ano, permitirá “converter a cidade nun espazo destinado ás persoas, ademais de poder optar a numerosas subvencións que a día de hoxe xa marcan como requisito ter aprobado un plan de mobilidade urbano sostible”. 

Ademais de integrar e adaptar todo o traballo realizado ata hoxe por diferentes corporacións municipais, de distinto signo político, a intención do concelleiro é “abrir” a Mesa pola Mobilidade, un órgano definido no Pacto pola Mobilidade aprobado polo pleno no 2018, a todos os colectivos con intereses neste eido, para que as súas propostas enriquezan o texto definitivo. Segundo avanzou, os grupos políticos mostraron hoxe o seu acordo con esa ampliación da representatividade. Neste momento, a mesa está composta por representantes dos grupos municipais, o Ministerio de Defensa, a Autoridade Portuaria, Portos de Galicia, a Universidade, o Sergas, a Mesa do Comercio, o Consello Escolar Municipal, o colectivo veciñal e as asociacións de diversidade funcional. A partir de agora, abriríase, por exemplo, a entidades empresariais, direccións dos centros educativos, todas as asociacións veciñais ou Navantia, sen excluír a calquera organización que puidese contribuír con novas achegas.




Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar