O Concello de Ferrol vai poñer en marcha antes de que
remate este trimestre ‘De momento na casiña’, un programa experimental de actividade
mental no fogar que busca previr posibles deterioracións cognitivas relacionadas coa
actual situación de pandemia a través de mecanismos de estimulación que exerciten os
procesos mentais.
A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, trasladou aos grupos da
oposición durante a Comisión Informativa de Benestar Social, Igualdade, Muller,
Xuventude e Patrimonio Histórico celebrada esta mañá que a iniciativa está dirixida a
persoas maiores de 65 anos que “por mor da crise sanitaria que estamos a vivir non
poden ter un completo e aconsellable envellecemento activo”.
Selección a través das asociacións veciñais
O programa ‘De momento na casiña’ poñerase en marcha inicialmente cun grupo de 15
persoas, que serán seleccionadas a través das entidades veciñais da cidade tendo en
conta a súa situación persoal dando prioridade a aquelas que vivan soas, que non teñan
acceso ás novas tecnoloxías, que as súas familias vivan lonxe, que teñan medo de saír
da casa ou non poidan por outras razóns ou que amosen preocupación pola súa saúde
mental, entre outros criterios. O obxectivo é localizar aos veciños que máis o poidan
necesitar posto que “a pandemia que estamos a vivir fainos a modificar as nosas
costumes sociais ou persoais, máis aínda no caso dos nosos maiores”, explicou a
concelleira.
Os cerebros das persoas da terceira idade son “moi vulnerables e sensibles ao illamento,
por iso estas persoas presentan perdas cognitivas despois do confinamento”, un dato do
que fan “especial fincapé os distintos profesionais que traballan con maiores”, lembrou
Martínez Montero. A isto súmase que “neste momento non son nada aconsellables as
xuntanzas entre persoas para previr a propagación do virus, polo que consideramos que
a estimulación cognitiva no fogar é a mellor opción”. Ademais de entregar material e
explicar semanalmente os exercicios a desenvolver, todos adaptados ao nivel intelectual
de cada un, o programa inclúe atención telefónica e un análise do impacto do plan nos
hábitos de vida do beneficiario.
En coordinación con Cáritas para reforzar o acompañamento a maiores
Ademais da posta en marcha nas próximas semanas do programa ‘De momento na
casiña’, o Concello vai dar un paso mais na mellora da atención e acompañamento aos
maiores da cidade, polo que a concellería de Benestar Social está a traballar
conxuntamente con Cáritas co fin de “sumar esforzos e unir sinerxias entre o seu
programa de acompañamento e o noso co fin de optimizar recursos”. Nesta liña, a edil
anunciou que a finais de mes terá lugar un curso de formación básica e outro de
especialización en atención á terceira idade “aberto tamén ao voluntario de Cáritas e, por suposto, ao resto de entidades que desenvolva este servizo que desexe traballar en
rede”.
Pola súa banda, a concelleira de Igualdade, Muller e Xuventude, Cristina Prados,
presentou aos grupos da oposición durante a comisión a proposta de declaración
institucional co gallo do 8M para a presentación de achegas. Tamén deu conta da
xornada telemática ‘Algoritmos para romper desigualdades’, que terá lugar o 11 de
febreiro con motivo do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia. Abrirán a
sesión o alcalde, Ángel Mato, e Prados, e a continuación ofreceranse catro relatorios. O
primeiro, ‘Empoderamento económico feminino, retrocedendo ou avanzando’,
impartiralo Ana Cebreiro Gómez, doutora en Economía, responsable de Tributación
Internacional no Banco Mundial e académica correspondente na Real Academia Galega
de Ciencias. O segundo, ‘Estratexias STEM: o reto de motivar as mozas a estudar
enxeñería ou ciencias’, correrá a cargo de María José Abad López, doutora en Física,
titular de universidade no departamento de Física e Ciencias da Terra e subdirectora da
Oficina para a Igualdade de Xénero da UDC.
Elena Vázquez Cendón, doutora en Ciencias Matemáticas, profesora de Matemática
Aplicada e decana da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de
Compostela (USC) encargarase do terceiro relatorio titulado ‘Existen mulleres nas
matemáticas? Si, podemos demostralo’. Por último, o relatorio ‘De Ferrol ao Congo:
retos e desafíos’, impartiralo Rebeca Atencia Fernández, doutora en MedicinaFisioloxía e directora do Instituto Jane Goodall Congo e do Centro de Rehabilitación de
Chimpancés do IJG en Tchimpounga, Congo. O prazo de inscrición comeza mañá
mércores, 3 de xaneiro, a través da web municipal
https://www.ferrol.gal/Sede/MulleresNaCiencia e estará aberto ata o mesmo día da
xornada.