O alcalde, Ángel Mato, e o concelleiro de Urbanismo,
Julián Reina, acudiron esta mañá a Ferrol Vello para interesarse polas obras que están
dando comezo na rúa Espartero, unha operación cofinanciable polo Fondo Europeo de
Desarrollo Regional (Feder) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España
Feder 2014-2020 ao abeiro da Estrategia de Desarrollo Urbano Sostenible e Integrado
(Edusi) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”. Acompañados por técnicos municipais e os
responsables dos traballos, comprobaron sobre o terreo cómo se vai desenvolver unha
actuación que nestes momentos se centra no tramo situado entre Baterías e a estrada
Alta do Porto, aínda que o seu ámbito abrangue tamén o que comeza á altura de San
Antonio e remata á altura da antiga fábrica de lapis.
O proxecto forma parte dunha serie de actuacións que van dirixidas a revitalizar
Ferrol Vello, para que vaian da man as iniciativas que se desenvolven no eido
residencial coas que o Concello acomete nos espazos públicos. Trátase, explicou Mato, de “seguir desenvolvendo todas as reurbanizacións que estaban previstas no Plan
Especial de Ferrol Vello e darlle un pulo importante a este barrio”. Asegurou tamén que
a rúa “vai ser de plataforma única, cunhas condicións que van marcar, xunto con
Carmen Curuxeiras, a tipoloxía do barrio”, e detallou que entre Baterías e a estrada Alta
o resultado será “unha pequena praza na que se van plantar catro árbores de porte”.
“Deixar unha fonda pegada”
Reina, pola súa banda, referiuse aos traballos de Espartero como un paso para continuar
coa recuperación do barrio “onde naceu a nosa cidade”, ao que están acompañando as
actuacións xa iniciadas no marco do Plan Rexurbe e outras que se van pór en marcha
proximamente. O obxectivo, afirmou, “é seguir ese camiño do Plan de Humanización de
Barrios co que concorremos ás eleccións”. “Queremos deixar unha fonda pegada neste
barrio tan importante para a nosa cidade, e continuaremos coas reurbanizacións
acompañando a rehabilitación coa intención de que igual que está a pasar na Magdalena,
Ferrol Vello tamén estea de moda e animemos á xente a apostar por vivir nel”. O edil
avanzou que, ademais de Espartero e Carmen Curuxeiras, o Concello traballa no
proxecto de reurbanización de San Francisco.
Incidiu nesa idea Mato. Dixo que, “como pasou en Canido”, a intención do
Concello é que se perciba unha mellora importante tanto na parte privada como na
pública, de modo que o Concello debe favorecer a creación de espazos públicos
“dotacionais, verdes, libres” e próximos a servizos e que acompañen á iniciativa de
rehabilitación, sexa pública ou privada. Isto, unido, por exemplo, “ás melloras que vai
facer o Porto no edificio da Autoridade Portuaria e no de Aduanas”, servirá para que o
barrio “sexa redescuberto e para que a iniciativa privada dea un paso á fronte e se volva
habitar. Iso pasou, é é visible, en Canido, e o que temos por diante é tratar de facer o
mesmo aquí”, concluíu o alcalde.
O proxecto de reurbanización de Espartero contempla a renovación completa da
rúa no tramo entre San Antón e a estrada Alta do Porto. O orzamento co que saíu a
concurso era de 620.197,36 euros, aínda que finalmente foi adxudicado por 473.830.78
euros. O financiamento corresponde nun 80 % aos fondos europeos e nun 20 % ao
Concello. Eliminaranse as beirarrúas, co que se disporá dunha plataforma única, aínda
que con diferente pavimento para peóns (lousas de granito) e vehículos (adoquín) entre
San Antón e Baterías. Entre Baterías e a estrada Alta do Porto non haberá esa distinción
e só se empregará granito. Aproveitaranse as lousas históricas na medida do posible, e o
novo material que se necesite será de similares características. Tamén se renovarán as
instalacións de saneamento e abastecemento de auga. Faranse canalizacións para
soterrar o tendido eléctrico e colocarase novo alumeado acorde co de Ferrol Vello.