O Concello de Ferrol vén de solicitar á Secretaría Xeral
de Igualdade da Xunta un protocolo de realización de probas PCR ás persoas de novo
ingreso na Casa de Acollida de Ferrol. A concelleira de Muller e Igualdade, Cristina
Prados, explicou esta mañá que dita situación supón un risco para as usuarias, as súas
familias e as traballadoras do centro unha nova alta sen a oportuna PCR.
Ante a situación de pandemia actual, e dado que os servizos de atención a mulleres
vítimas de violencia de xénero son considerados servizos esenciais, lembrou Prados,
“consideramos que en aras de poder continuar ofrecendo o servizo prestado, atendendo
a criterios de calidade e eficiencia así como de prevención, é preciso valorar alternativas
urxentes que garantan a seguridade das usuarias dos centros, así como das
traballadoras”.
As canles de derivación a través da Rede Galega de Acollemento “non foron
actualizadas para atender á necesidade de verificar a posibilidade de contaxio por covid
no caso de solicitudes de ingreso”, explicou, entendendo que resulta insuficiente a
declaración xurada de ausencia de enfermidades infecto contaxiosas pola posibilidade
de infección sen sintomatoloxía, lembrou a concelleira.
Por iso a edil considera “imprescindible” que se tomen as medidas oportunas para
“garantir a seguridade das mulleres, menores e traballadoras dos centros de acollida e
que os ingresos se realicen de xeito coordinado con Sanidade garantindo o acceso cunha
PCR negativa”, polo que o Concello solicita á Secretaría Xeral de Igualdade que
“xestione o máis pronto posible o acceso ás PCR para facilitar coa maior eficacia e
eficiencia os ingresos na Rede Galega de Acollemento”.