O prazo para anotarse na Escola municipal de Familias
remata o día 10 de febreiro. O programa desenvolverase no centro municipal de
Servizos Sociais (rúa Sánchez Barcáiztegui, 35) e inclúe seis sesión: 15 e 22 de febreiro
e 1, 8, 15 e 22 de marzo, de 17 a 18.30 horas. As follas de inscrición están dispoñibles
nos centros escolares, onde se poden entregar antes do 10 de febreiro. Os pais tamén
poden anotarse no mesmo prazo no correo electrónico prevencionasfedro@gmail.com.
A formación levarase a cabo segundo os protocolos covid establecidos nese momento
polas autoridades sanitarias.
A nova Escola municipal de Familias estará aberta a pais e nais dos centros públicos e
concertados da cidade co fin de abordar as adiccións en catro bloques: as drogas legais,
ilegais, as novas tecnoloxías —incluíndo o acceso á pornografía— e, por último, as
adiccións ao xogo e apostas. A formación sobre os dos primeiros correrá a cargo dos expertos da asociación Ex-alcohólicos e as outras dous impartiranse polos de Asfedro
(Asociación Ferrolana de Drogodependencias).
Trátase dunha iniciativa que busca proporcionar ás familias as ferramentas necesarias
para “axudalos a afrontar posibles dificultades no núcleo familiar e sensibilizar dos
riscos que entrañan as adiccións”, explicou a edil de Benestar, Eva Martínez Montero. A
escola pretende mellorar as habilidades educativas, de xestión e de comunicación
familiar e reforzar as súas competencias relacionadas coa educación dos seus fillos. Para
iso crearase un espazo de “reflexión e de intercambio” de experiencias no que se
abordarán asuntos como a comunicación familiar e os estilos educativos, as normas e
límites, a adolescencia, as drogas e as adicción en xeral.
A futura Escola municipal de Familias forma parte das accións impulsadas polo Grupo
de Traballo de Infancia, Familia e Adolescencia de Ferrol, posto en marcha polo
Concello de Ferrol e do que forman parte as entidades Aspaneps, Ex-alcohólicos,
Acción Familiar, Teima Down, Secretariado Gitano, Dignidad, Proinfancia, Asfedro e
Ingada. A edil manifestou a seu agradecemento ás dúas entidades coas que se
desenvolverá a iniciativa posto que “levan anos acreditando a súa solvencia tanto na
atención aos usuarios como na formación, información e prevención das adiccións”.