Novas

sábado, 06 de febreiro de 2021

O Concello reforza os programas sociais no barrio de Recimil

Á inminente posta en marcha dun plan de intervención sociocomunitaria engádese á realización dun mapa de recursos


O Concello de Ferrol vai reforzar os programas sociais en Recimil coa posta en marcha dun programa de intervención sociocomunitaria e a realización dun mapa de recursos do barrio, ao igual que sucedeu en Caranza. 


A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, explicou que malia que a exclusión social está espallada por todo o municipio, o certo é que “o barrio de Recimil é unha das zonas de Ferrol nas que existe un maior número de familias nesta situación de vulnerabilidade”, polo que o Concello leva tempo traballando en “diferentes medidas e accións dirixidas non só a poder atender de forma rápida e dilixencia as numerosas necesidades que ten o barrio, senón tamén a buscar iniciativas que perduren no tempo e que permitan chegar ao obxectivo que debe ser o de todas as políticas sociais: a integración social, laboral e económica”, puntualizou a edil. 

Para iso, o departamento municipal de Benestar Social dende o principio do mandato mostrou o seu apoio ao programa Proinfancia —financiado pola Fundación La Caixa e ampliado e mellorado neste tempo—, que ten como familias beneficiarias, entre outras, ás de Recimil, ademais de colaborar con outras entidades ou institucións dirixidas a traballar no eido social no barrio. 

Na actualidade, os obxectivos son máis ambiciosos, dixo a edil, quen explicou que tendo como referente o que fora no seu tempo “un plan pioneiro en Galicia, o de intervención sociocomunitario en Caranza, porase en marcha un programa similar, pero neste caso en Recimil”. Para iso, e como primeiro paso, grazas á subvención do POS Social de 2021, aprobado recentemente polo pleno da corporación, procederase á contratación de dúas traballadoras sociais e unha auxiliar administrativa para poder iniciar dito programa, que será completado posteriormente por unha educadora social cando sexa posible en función do programa Covid que está ultimando o goberno local para ampliar ditas contratacións durante un prazo maior de tempo e con prazas agora non recollidas na RPT en vigor (tres anos máis un de prórroga). Este equipo, que contará tamén co apoio da psicóloga de menores que ten asignado este barrio, “non só trazará un plan de intervención sociocomunitaria coordinado cos propios servizos sociais e as entidades que traballan neste barrio, senón que aliviará a carga de traballo da unidade básica 3”.

Guía municipal co fin de mellorar a calidade de vida dos veciños 
A elaboración dun mapa de recursos é outro dos recursos que a concellería de Benestar Social desenvolverá nas próximas datas, neste caso grazas ao traballo que comezaron esta mesma semana catro estudantes de Enfermería Familiar e Comunitaria en virtude dun convenio entre o Concello e o Sergas. Proseguirán un traballo similar ao desenvolvido sobre Caranza por compañeiros de anteriores promocións, un documento que se colgará proximamente na web do Concello de Ferrol. Consiste na detección dos recursos que ten o barrio e que poden ser utilizados para mellorar a vida dos seus veciños: direccións de entidades, espazos de lecer, equipamentos públicos ou privados, entre outros elementos, se inclúen neste proxecto. 

A concelleira destacou o esforzo realizado para poder desenvolver “políticas que realmente vaian na liña que queremos e pola que apostamos, que é a de integrar e inserir a homes e muller, a familias, de forma real e efectiva na sociedade e no mundo laboral, para que vivan con dignidade e con autonomía, sen ter que recorrer permanente á axuda dos servizos sociais”. 



Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar