Novas

sábado, 06 de febreiro de 2021

A reparación de beirarrúas que o Concello leva a cabo en seis estradas provinciais avanza na zona de Xoane

O alcalde supervisou onte uns traballos cos que a Administración local quere dar solución a unha serie de desperfectos acumulados durante anos e que dificultaban o tránsito dos viandantes. Esta actuación servirá tamén para aumentar a seguridade, mediante a adaptación dos cruces peonís á normativa actual e a instalación de novos elementos de protección para os transeúntes


A reparación de beirarrúas que o Concello leva a cabo en seis estradas provinciais avanza na zona de Xoane

As obras de reparación de beirarrúas que o Concello de Ferrol está levando a cabo en estradas provinciais avanzan nos últimos días na zona de Xoane, onde ao longo de anos se foron acumulando deficiencias, como a rotura de lousas ou o afundimento do firme, o que dificultaba a normal circulación de peóns. O alcalde, Ángel Mato, achegouse onte ao incio da DP-3603, onde a empresa adxudicataria está centrando boa parte dos traballos estes días. De feito, as lousas xa foron repostas en varios puntos situados entre o comezo da vía e a ponte sobre a FE-15. 


Esta iniciativa, que afecta a seis vías da Deputación da Coruña, está incluída no POS+2018 (Plan de Obras e Servizos) e foi adxudicada por 106.169,18 euros. As mencionadas estradas son a DP-3603 (Ferrol-Cobas), a DP-3604 (San Xoán de Filgueira-Catabois), a DP-3605 (Penas de Guitín-San Xoán de Filgueira), a DP-3608 (Serantes-Doniños), a DP-3609 (Corrás-A Malata) e a DP-3612 (Aneiros-A Cabana). 

Ademais da reparación das beirarrúas, o proxecto inclúe a adaptación dos cruces peonís á normativa e a reposición de elementos de protección para viandantes. Con estas actuacións, o goberno local segue avanzando na mellora das vías, sobre todo no que se refire á seguridade. Tal e como se está facendo agora en Xoane, no resto do ámbito incluído nas obras vaise emendar o deterioro do firme, tanto pola presenza de vexetación como por roturas, afundimentos, levantamento de baldosas ou calquera outro dano. Tamén se mellorará a accesibilidade aos pasos de peóns, eliminaranse barreiras arquitectónicas e restableceranse os elementos de protección para viandantes en zonas puntuais. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar