Novas

luns, 08 de febreiro de 2021

A Mesa pola Reindustrialización de mañá contará con representantes de todas as administracións, sindicais e empresariais

O portavoz do goberno local, Julián Reina, anunciou que participarán o delegado do Goberno central, o delegado territorial da Xunta, a directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais e alcaldes das tres comarcas. O tamén concelleiro de Urbanismo informou dos avances na adxudicación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), do contrato para a conservación, mantemento e reparación dos dez ceip públicos da cidade e da iluminación da rúa Alegre


A Mesa pola Reindustrialización de mañá contará con representantes de todas as administracións, sindicais e empresariais

O voceiro do goberno local, Julián Reina, informou esta mañá da composición da Mesa de Traballo pola Reindustrialización e Reactivación Económica de Ferrolterra, Eume e Ortegal que se celebrará de forma telemática mañá martes ás 10 horas. Participarán o delegado do Goberno central, o delegado territorial da Xunta, a directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais e alcaldes das tres comarcas. O primeiro encontro da mesa servirá para, entre outras cousas, mostrar con “seriedade e contundencia” a necesidade de “apostar pola reindustrialización nas nosas comarcas” co consenso de “todas as administracións e axentes implicados”, apuntou Reina. 


Por outra banda, o tamén concelleiro de Urbanismo informou da reunión que manterá o alcalde, Ángel Mato, e a concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, o próximo venres co conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, para abordar os avances na candidatura ‘Ferrol, Puerto de la Ilustración’ a Patrimonio Mundial, un asunto polo que o propio conselleiro expresou o máximo interese na súa visita a Ferrol o pasado ano. Reina mostrou o seu desexo de que “o encontro sirva para dar un novo impulso á candidatura”. 

Na súa comparecencia, o voceiro trasladou que o mércores, 10 de febreiro, terá lugar un pleno extraordinario e lembrou que ata o 24 de febreiro sigue aberto o prazo para solicitar as axudas do PAME III, a terceira edición do paquete de medidas deseñado polo Concello co fin de “outorgar liquidez aos sectores do tecido económico máis afectados pola crise económica” provocada pola covid: a restauración e hospedaxe, ocio nocturno, comercio local e cultura. 

En total, a actual convocatoria recolle máis de 60 actividades diferentes. Neste punto, o voceiro municipal insistiu en que o Concello “está tratando de facer todo o que está na súa man para apoiar a estes sectores” e lembrou que a través das dúas primeiras edicións do PAME abonáronse xa máis de 1,8 millóns de euros a autónomos e pequenos empresarios.

Terceira vez da tarifa “sen actividade” 
Na liña de apoio ao tecido económico da cidade, Reina anunciou que desde hoxe mesmo, e ata o 19 de febreiro, está aberto o prazo para que os negocios que non poidan desenvolver a súa actividade debido ás medidas de peche temporal de actividades establecidas pola Xunta o pasado 26 de xaneiro (polo período 27 de xaneiro-17 de febreiro) soliciten pagar o importe mínimo correspondente á tarifa “sen actividade” de abastecemento de auga, saneamento e recollida de residuos sólidos urbanos. Pódese solicitar este cambio de tarifa ante Emafesa (praza da Ilustración, 5, baixo), presencialmente ou por medios telemáticos (a través da dirección de correo electrónico info@emafesa.com, os números de teléfono 981 369 012 e 981 369 015 ou o fax 981 300 148), acreditando mediante o epígrafe o IAE e outros documentos que o avalen, o peche efectivo dos negocios. 

É a terceira vez que o Concello de Ferrol articula esta medida dende o inicio da pandemia, logo de poñela en marcha en abril e en novembro do 2020. Igual que nesta ocasión, nas dúas anteriores debeuse a peches forzosos decididos polas autoridades sanitarias.

Avances na adxudicación para o SAF, o mantemento dos CEIP e rúa Alegre 
A sesión da Mesa de Contratación do Concello celebrada esta mañá propuxo para adxudicación tres importantes contratos para a cidade. O primeiro, o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que permitirá atender a un mínimo de 80 usuarios máis, co que o número de beneficiarios situaríase arredor dos 500. Tamén se avanzou na adxudicación do que será o primeiro servizo de conservación, mantemento e reparación dos centros de ensino público de educación infantil e primaria (CEIP) dependentes da concellería de Educación: A Laxe (Valón), Cruceiro de Canido, Esteiro, Isaac Peral, Almirante Juan de Lángara e Huarte, Manuel Masdías, Pazos, Ponzos, Recimil e San Xoán de Filgueira. O obxectivo, explicou Reina, é garantir un “adecuado” estado de conservación e funcionalidade dos inmobles dos centros escolares e evitar o seu deterioro. Principalmente serán actuacións de albanelaría, carpintería, vidraría, pintura e fontanería. En terceiro lugar, a mesa propuxo para adxudicación o contrato de renovación da iluminación da rúa Alegre, un proxecto que inclúe intervencións nas rúas Mayola, Corral de Chapón, Santos, Coruña, Celso Emilio Ferreiro, Navegantes e Praza de Canido. Para resolver a iluminación xeral de Alegre optouse por 36 luminarias de dobre brazo para alumar o viario e a beirarrúa. Para completar puntos singulares, montaranse outras 15 luminarias simples. O proxecto inclúe por motivos de eficiencia enerxética a substitución de lámpadas por outras de tecnoloxía LED. A renovación da iluminación en Alegre, apuntou o voceiro, “da continuidade ás últimas intervencións en Canido, como o plan Urban”. 




Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar