O Concello de Ferrol celebrará pasado mañá, xoves 11 de
febreiro, o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia cunha xornada telemática
titulada ‘Algoritmos para romper desigualdades’. O prazo de inscrición segue aberto ata
o día da sesión na web municipal https://www.ferrol.gal/Sede/MulleresNaCiencia.
Abrirán a sesión ás 16 horas o alcalde, Ángel Mato, e a concelleira de Muller e
Igualdade, Cristina Prados, e a continuación ofreceranse catro relatorios. O primeiro,
‘Empoderamento económico feminino, retrocedendo ou avanzando’, impartiralo Ana
Cebreiro Gómez, doutora en Economía, responsable de Tributación Internacional no
Banco Mundial e académica correspondente na Real Academia Galega de Ciencias. O
segundo, ‘Estratexias STEM: o reto de motivar as mozas a estudar enxeñería ou
ciencias’, correrá a cargo de María José Abad López, doutora en Física, titular de
universidade no departamento de Física e Ciencias da Terra e subdirectora da Oficina
para a Igualdade de Xénero da UDC.
Elena Vázquez Cendón, doutora en Ciencias Matemáticas, profesora de Matemática
Aplicada e decana da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de
Compostela (USC) encargarase do terceiro relatorio, titulado ‘Existen mulleres nas
matemáticas? Si, podemos demostralo’.
Por último, o relatorio ‘De Ferrol ao Congo: retos e desafíos’, impartiralo Rebeca
Atencia Fernández, doutora en Medicina-Fisioloxía e directora do Instituto Jane
Goodall Congo e do Centro de Rehabilitación de Chimpancés do IJG en Tchimpounga,
Congo.