Novas

martes, 09 de febreiro de 2021

A terceira convocatoria do PAME, o plan de axudas a autónomos e pequenas empresas do Concello, recibiu xa máis de 400 solicitudes

A concelleira de Economía, Facenda e Promoción Económica, María Teresa Deus, apuntou que o prazo permanecerá aberto ata as 23:59 horas do día 24 de febreiro


A concelleira de Economía, Facenda e Patrimonio, Recursos Humanos, Emprego, Promoción Económica, Turismo, Estatística e Edusi, María Teresa Deus, anunciou esta mañá que a terceira convocatoria do PAME (Plan de Mantemento e Impulso da Actividade Económica) recibiu xa máis de 400 solicitudes. Trátase dun paquete de axudas económicas deseñado polo Concello de Ferrol co fin de outorgar liquidez aos sectores do tecido económico de Ferrol máis afectados pola crise económica provocada pola covid-19: a restauración e hospedaxe, ocio nocturno, comercio local e cultura. En total, a convocatoria recolle máis de 60 actividades diferentes. 


O prazo de solicitude remata ás 23:59 horas do 24 de febreiro e o procedemento é exclusivamente por Sede Electrónica (https://www.ferrol.gal:8443/cividas-core-webferrol). Ademais pódese acceder desde a web municipal, no apartado ‘A un click’, a toda a información para a tramitación das axudas: bases, convocatoria, extracto, modelos normalizados de solicitude e de declaración e preguntas frecuentas (https://www.ferrol.gal/Shared/Contidos/95). 

Tal e como lembrou a concelleira, esta terceira convocatoria está dotada dunha contía inicial de un millón de euros, á que se engadirán 800.000 máis aportados pola Deputación. A distribución da contía inicial contempla 800.000 euros para os sectores da restauración, a hospedaxe, o ocio nocturno e o comercio local e unha liña separada de 200.000 euros para o sector cultural. De todas formas, no caso de que o crédito asignado a unha das liñas non se esgote, poderá empregarse na outra ata cubrir o importe total. En canto á achega provincial, a proporción será idéntica. 

As subvencións poderán destinarse, por unha banda, ao aboamento de cotas da seguridade social ou do réxime especial de traballadores autónomos, ata un límite de 2.000 euros. Por outra, ao pago de alugueiros de locais e cotas de préstamos hipotecarios, cun máximo de 1.500 euros. Deste xeito, o importe máximo de subvención por beneficiario sumará 3.500 euros. En canto á inclusión das cotas de hipotecas nos gastos subvencionables, a concelleira destacou que con ela trátase de “dar resposta a toda a casuística da situación dos establecementos”, xa que se une á axuda por aluguer e ás bonificacións no IBI xa aprobadas.

Abonados xa máis de 1,8 millóns de euros 
No caso das persoas que xa optaron ás axudas das convocatorias anteriores do PAME, e co fin de axilizar os trámites, a documentación que presentaron no seu momento será válida para concorrer ás novas subvencións, aínda que, segundo os casos, poderán ser esixibles novos documentos referidos a outros conceptos. Entre os PAME I e II o Concello de Ferrol abonou xa máis de 1,8 millóns de euros en axudas. 




Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar