Novas

martes, 09 de febreiro de 2021

Ángel Mato: “A situación é urxente e as Administracións con competencias teñen que dar respostas á maior brevidade”

O alcalde de Ferrol agradeceu ao Goberno central e á Xunta de Galicia a súa participación esta mañá na primeira reunión da mesa de traballo para a reindustrialización e a reactivación económica de Ferrolterra, Eume e Ortegal e explicou que inmediatamente se van convocar novas xuntanzas para avanzar nun plan de incentivos para a implantación de empresas e abordar a necesidade de carga de traballo para o sector naval


Ángel Mato: “A situación é urxente e as Administracións con competencias teñen que dar respostas á maior brevidade”

Esta mañá reuniuse de xeito telemático a mesa de traballo para a reinduistrialización e a reactivación económica de Ferrolterra, Eume e Ortegal, convocada polos alcaldes, os sindicatos e as organizacións empresariais das tres comarcas. No que foi o primeiro encontro coa participación do Goberno central e da Xunta de Galicia, puxéronse en común unha serie de medidas concretas para dar resposta ás necesidades da comarca en materia industrial, tal e como explicou o rexedor ferrolán, Ángel Mato, tras a xuntanza. 


Mato, que agradeceu tanto ao Goberno central coma ao autonómico a súa participación na xuntanza, explicou que os participantes puxéronlles sobre a mesa a ambas Administracións, como competentes en materia industrial, a necesidade de que haxa “un plan de axudas concreto, de incentivos, para a implantación de empresas”, ademais de buscar solucións “urxentes” á necesidade de carga de traballo que ten agora mesmo o sector naval. Tamén, que se dean a coñecer que proxectos hai previstos, dentro dos fondos europeos de recuperación, no ámbito das tres comarcas. “A situación é urxente e as Administracións con competencias teñen que dar respostas á maior brevidade”, asegurou Mato. 

Todo elo vaise abordar de xeito “moito máis concreto” a partir dunha reunión “máis operativa, máis reducida”, pero na que sigan representados Administracións, sindicatos e empresas, e que se vai convocar “xa”. 

Por outra banda, pero tamén directamente en relación coa problemática que tratou a mesa, o alcalde de Ferrol informou de que onte mesmo, tras a reunión cos representantes dos traballadores de Siemens Gamesa, na que participaron os voceiros dos grupos municipais ferroláns e o rexedor das Somozas, convocouse a mesa industrial para o futuro da empresa, co obxectivo de manter os postos de traballo. Foi esta unha demanda do comité de empresa á que se comprometeron os asistentes á xuntanza e á que se lle deu curso inmediatamente.

Consello de administración de Navantia e máscaras reivindicativas
A preguntas dos medios, Mato cualificou de “magnífica nova” que un galego pase a formar parte do consello de administración de Navantia. Lembrou que o Ministerio de Traballo sempre tivo representación nese órgano e asegurou que non hai mellor persoa que alguén vencellado a ese ministerio e que, á vez, coñeza a situación de falta de traballo que hai no estaleiro, como é o caso de Manuel Lago. 

Tamén en resposta a preguntas trasladadas realizadas polos periodistas presentes na comparecencia posterior á mesa de traballo, o rexedor explicou que o Concello adquiriu recentemente un lote de máscaras reivindicativas “a petición do comité de empresa de Navantia”, co que, dixo, o Concello comparte o obxectivo de “visibilizar a situación na que nos atopamos”. Estes cubrebocas levan impreso o lema “Emprego, futuro, comarca” e, afirmou o alcalde, “nada teñen que ver coas miles de máscaras que fomos entregando ao longo deste tempo” entre colectivos que as necesitaban, autónomos e pemes, senón que se trata unicamente de material reivindicativo, detallou. De feito, continuou, parte delas xa lles foron entregadas aos representantes dos traballadores da empresa pública para que se poidan exhibir nas mobilizacións que teñen programadas, tal e como lle tiñan solicitado ao Concello como axuda nas súas reivindicacións. “Como non podía ser doutra maneira, o Concello respondeu a esta demanda á maior brevidade posible”, dixo o rexedor, do mesmo xeito, anunciou, que se axudará ao comité a sufragar varios autobuses para unha visita reivindicativa que os traballadores teñen prevista a Madrid. Mato aproveitou para avanzar que estará entre os alcaldes que os acompañarán.

Asistentes á reunión celebrada hoxe 
Na reunión da mesa de traballo celebrada hoxe estiveron presentes, por parte do Goberno de España, o director xeral de Industria e da Pequena e Mediana Empresa, Galo Gutiérrez; a subdelegada do Goberno, Pilar López-Rioboo, e a xefa da área de Coordinación Interna da Dirección Xeral de Industria, Susana Carrillo. Por parte da Xunta de Galicia, o delegado Provincial, Gonzálo Trenor, e a directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría. 

En canto ás Administracións locais, participaron os alcaldes de Ferrol, Ángel Mato; das Pontes, Valentín González; de Pontedeume, Bernardo Fernández; de Cariño, José Miguel Alonso; de Cedeira, Pablo Moreda; de Fene, Juventino Trigo; de San Sadurniño, Secundino García; de Narón, Marián Ferreiro; da Capela, Manuel Meizoso; de Valdoviño, Alberto González; de Cerdido, Benigno Galego; de Mugardos, Juan Domingo de Deus; das Somozas, Juan Alonso Tembrás, e de Ortigueira, Juan Penabad. Tamén a concelleira de Industria das Pontes, Ana María Pena, e a concelleira Ángeles Puentes polo Concello de Neda e o concelleiro Daniel Ríos polo de Pontedeume.  

Os empresarios estiveron representados polo presidente da Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Cristóbal Dobarro; o vicepresidente da Asociación de Empresarios de Ferrolterra, Carlos Moreira, e o presidente da Asociación de Jóvenes Empresarios de Ferrolterra, Luis González. Pola súa banda, por parte dos sindicatos participaron o secretario da Federación de Industria de CC.OO. en Galicia, Víctor Ledo; o secretario comarcal da CIG, Manuel Grandal; o secretario comarcal de CC.OO., Santiago Díaz; o secretario comarcal da UXT, José Antonio Díaz, e o secretario comarcal de Industria da UXT, Fernando López. 








Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar