O Concello de Ferrol vén de poñer en marcha medidas
de conservación, preservación e restauración na Rede Natura 2020 Ferrol —no
municipio abarca 1.585 hectáreas— co fin de protexer a nidificación da píllara da duna,
unha especie globalmente ameazada pola destrución e alteración do hábitat, a limpeza
mecánica dos areais motivada polo seu uso e a acumulación de contaminantes, entre
outros motivos. Trátase dunha especie protexida, polo que o Concello, a través da
concellería de Medio Ambiente, que dirixe Ana Lamas, vén de activar a un plan para
protexer a súa nidificación, para o que Ferrol recibiu unha subvención da Dirección
Xeral de Patrimonio Natural de 20.000 euros en dúas anualidades.
A edil deu conta esta mañá na comisión informativa de Medio Ambiente, Urbanismo,
Servizos, Obras, Seguridade e Contratación dos avances na execución do programa, que
se divide en tres actuacións. A primeira, xa en marcha, consiste en delimitar e prohibir o
tránsito da área crítica de nidificación do ave na praia de San Xurxo. De feito, dito areal,
xunto ao de Esmelle e A Frouxeira, en Valdoviño, alberga actualmente o núcleo da
construción de niños da ave máis setentrional de Galicia e do litoral atlántico ibérico.
Delimitarase durante cinco anos un perímetro estimado de 1.200 metros lineais da zona
de nidificación e do cordón dunar na praia de San Xurxo, para o que se empregan rolos
de madeira unidos por unha corda, un tipo de valado sinxelo e desmontable moi
utilizado para evitar o paso aos sistemas dunares. Con esta medida preténdese mellorar o recrutamento local como ferramenta para incrementar as posibilidades de
reasentamento na praia, polo que se prohibe o tránsito de persoas e animais domésticos
durante todo o ciclo anual.
A segunda actuación, tamén en execución, consiste na colocación de paneis
informativos indicando o código de conduta e de xeito específico ás prohibicións de
paso pola zona protexida.
Por último, a terceira liña de traballo contempla a posta en marcha dunha campaña de
sensibilización que inclúe á comunidade educativa. Para elo, o Concello contará coa
colaboración da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), que promoverá unha
charla ao inicio das campañas de nidificación, e da Aula de Ecoloxía Urbana, no Cantón
de Molíns, que desenvolverá actividades que contribuirán á divulgación entre escolares
e público en xeral e que poderán solicitar colexios e entidades.