Novas

xoves, 11 de febreiro de 2021

O Concello colabora mañá na iniciativa ‘Dillo con flores’ para dinamizar o sector das florerías

Ao longo da mañá repartiranse máis de 500 flores en prazas, mercados e rúas da cidade e pola tarde sortearase un ramo. A edil de Promoción Económica, María Teresa Deus, explicou que se trata dunha acción máis para “revitalizar o comercio local” e apoiar ao tecido económico nun momento “especialmente difícil”. A iniciativa impulsada por Cites sae adiante coa colaboración da Administración local e da Deputación


O Concello colabora mañá na iniciativa ‘Dillo con flores’ para dinamizar o sector das florerías

O Concello de Ferrol colaborará na posta en marcha da iniciativa ‘Dillo con flores’, un plan que se desenvolverá mañá venres, coincidindo coa celebración de San Valentín o domingo, co fin de dinamizar o sector da florería na cidade. Trátase dunha acción impulsada polo Centro de iniciativas turísticas, económicas e sociais de Ferrol (Cites) coa implicación da Administración local e o financiamento da Deputación. 


Ao longo da mañá, entre as 10.30 e as 14 horas, repartiranse máis de 500 flores entre a poboación en distintos puntos da cidade —mercados da Magdalena e Caranza, os barrios de Ultramar e Canido, as prazas de España, Armas e rúa Real— co fin de dinamizar o sector da florería e reactivar a economía da cidade. Xunto coa flor entregarase un número para participar nun sorteo dun gran ramo que se celebrará tamén mañá, ás 20 horas. 

A concelleira de Promoción Económica, María Teresa Deus, explicou que se trata dunha iniciativa máis para apoiar ao tecido económico de Ferrol nun momento “especialmente difícil como o actual”, e adiantou que nas próximas datas poñeranse en marcha outras accións similares.  

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar