O Concello de Ferrol e a Asociación Española Contra o
Cancro (AECC) van colaborar para poñer en marcha no mes de marzo o proxecto Rutas
Saudables, unha iniciativa que forma parte do plan ‘Hacia un futuro saudable’,
promovido pola entidade.
Os novos circuítos ten como obxectivo combater o sedentarismo entre a poboación
ferrolá, para o que se habilitarán percorridos sinxelos e alcanzables para toda a
poboación tanto no espazo rural como urbano para camiñar durante ao menos unha
hora.
O edil de Seguridade e Sanidade, Germán Costoya, mantivo esta semana unha reunión
coa presidenta, vicepresidenta e psicóloga da xunta local de Ferrol da AECC, Isabel Estevan, Mabel Sanesteban e Rosalía Fernández respectivamente, para ultimar o
convenio que firmarán nas próximas datas e que permitirá abordar de forma conxunta a
iniciativa. O edil explicou que o Concello pretende habilitar un espazo de actividade
física no municipio que permita “adquirir o hábito de facer exercicio a aquelas persoas
que non teñen esta rutina”.
Unha práctica titorizada
Costoya engadiu que o proxecto vai máis alá do acondicionamento dos percorridos polo
municipio. A actividade física levarase a cabo en grupos dirixidos por un monitor e
desde a entidade farase un seguimento do impacto desta nova rutina na saúde dos
participantes. O fin, explican desde a AECC local, é ir aumentando a frecuencia e, por
conseguinte, os beneficios no estado físico. Os interesados en participar xa poden
inscribirse no número de teléfono de balde de Infocáncer (900 100 036) ou chamando á
sede en Ferrol (981 37 00 03). Tamén de forma presencial no local da entidade, no
número 5 da rúa Terra. A asociación fará unha avaliación inicial do estado físico dos
inscritos no proxecto ‘Rutas Saudables’.
En liña coa Comisión para a Prevención de Enfermidades Cardiovasculares de Galicia
O edil de Sanidade explicou que o sedentarismo é un dos factores de risco máis
importantes para a saúde. É por iso que o proxecto entre o Concello e a AECC cumprirá
parte dos obxectivos marcados pola Comisión para a Prevención de Enfermidades
Cardiovasculares de Galicia, a primeira na comunidade autónoma e constituída polo
Concello o pasado mes de setembro.
No novo órgano están representados, ademais do goberno local, co edil Costoya, e os
grupos municipais da oposición, o departamento de Cardioloxía do CHUF, a través da
súa xefa de servizo, Raquel Marzoa; a Asociación de Amigos do Corazón (Amicor), con
Carlos Piñeiro; e os servizos municipais de emerxencias —Policía Local, Bombeiros e
Protección Civil—. Tal e como explicou o concelleiro, o obxectivo do novo organismo,
o primeiro destas características en Galicia, é “concienciar á poboación sobre as enfermidades cardiovasculares —principal causa de morte no mundo—, os factores de
risco e tamén incidir na importancia que ten coidar do noso corazón”.
Na actualidade o novo órgano está a traballar en novas propostas “de cara a mellorar a
calidade de vida dos nosos veciños” que poñeranse enriba da mesa no próximo encontro
que celebrará nas próximas datas.