A Mesa de Contratación Permanente do Concello de
Ferrol acaba de proñoer para adxudicación o proxecto básico e de execución da
rehabilitación da torre do século XIX da batería baixa do castelo de San Felipe para
usos expositivos e o deseño do contido expositivo ao abeiro do programa Interreg
Espazo Atlántico 2014-2020 para o proxecto MMIAH, un plan liderado por Ferrol e
integrado por outras oito cidades —Cádiz, Ílhavo (Portugal), Plymouth e Liverpool
(Inglaterra), Caen e La Rochelle (Francia), Limerick e Cork (Irlanda)— que busca poñer
en valor o litoral urbano do espacio atlántico a través da recuperación de bens en desuso
asociados ao patrimonio militar, marítimo e industrial das cidades costeiras, facilitar o
seu uso social e xerar actividades de valor engadido co fin de promover o turismo
cultural como factor de sustentabilidade económica.
O proxecto, cuxo importe é de adxudicación é de 86.301 euros (IVE incluído),
13.698 por debaixo do orzamento, contempla o picado e encintado de cemento en
fachadas, o picado e revocos de cal en mal estado nas bóvedas interiores, a eliminación
de elementos descontextualizados (como as instalacións de saneamento na fachada), o desmontado da instalación eléctrica existente, a demolición de fábricas de ladrillos ou
bloque descontextualizados, a limpeza dos muros de cantería, a execución da cuberta —
con recrecido, lámina impermeabilizante e acabado con lousas de granito—, a
colocación de carpintería de iroko en portas e vidro fixo nas fiestras, a colocación de
elementos expositivos (caixóns de soporte de maquetas e paneis retroiluminados),
instalación eléctrica e dotación de elementos de loita contra incendios. O seu prazo
previsto de execución é de catro meses, e a oferta que a Mesa vai elevar ao órgano de
contratación inclúe unha garantía de catro anos sobre os traballos, tres máis dos que fixa
o prego de condicións. A rehabilitación da torre do século XIX é unha iniciativa
conxunta das concellerías de Promoción Económica e de Patrimonio Histórico, que
dirixen respectivamente María Teresa Deus e Eva Martínez Montero.
Exposición permanente na Sala Cureñas
Tamén no castelo e no marco do proxecto MMIAH, o Concello de Ferrol inaugurará en
marzo a exposición permanente ‘Defensa de Ferrol: A batalla de Brión’, na Sala de
Cureñas.
Os bloques temáticos da mostra serán seis e incluirá diversos elementos gráficos
e visuais para explicar e poñer en valor os acontecementos dos días 25 e 26 de agosto de
1800. O primeiro, o contexto histórico da batalla, versará sobre o momento no que se
produciu o ataque dos ingleses a territorio ferrolán. O segundo bloque abordará os
escenarios, como os montes de Brión e Doniños, o propio castelo, a situación da cidade
e das súas murallas, e arsenal, o porto e as baterías. En terceiro lugar, a exposición
‘Defensa de Ferrol: a batalla de Brión’ dedicará outro bloque aos protagonistas do
sucedido, tanto do bando británico como do español, e repasará os personaxes máis
importantes da loita, como John Borlase Warren, James Pulteney ou o Conde de
Donadío. O cuarto apartado da mostra fará un reconto gráfico das armas e do número de
tropas coas que contaban os dous bandos e explicará as súas características máis
importantes. Pola súa banda, as vestimentas e os uniformes dos exércitos constitúen un
tipo de patrimonio moi rechamante, polo que ocupará o quinto bloque da exposición. O sexto e último apartado estará dedicado exclusivamente á contenda, cun percorrido que
comezará o día que os ingleses se aproximaron a Ferrol.