venres, 12 de febreiro de 2021
Concello e Xunta fixan para marzo a primeira reunión técnica sobre a candidatura de Ferrol a patrimonio mundial
O alcalde, Ángel Mato, e a concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, reuníronse esta mañá co conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua, para concretar a colaboración entre ambas Administracións

O Concello e a Xunta de Galicia acordaron esta mañá os próximos pasos que van dar respecto da candidatura de Ferrol a patrimonio mundial. A reunión telemática na que participaron o alcalde, Ángel Mato; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; a concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, e a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua, serviu, ademais de para de estreitar a colaboración entre ambas Administracións, para programar a primeira reunión de carácter técnico na que se vai poñer en común a revisión do expediente. Nela está previsto que participen, ademais da edil e da directora xeral, o persoal tanto da Administración local coma da autonómica que traballa directamente na iniciativa.