Novas

martes, 16 de febreiro de 2021

O Concello prevé ter executado para o verán o 100 % do orzamento do proxecto europeo MMIAH

O programa busca poñer en valor o borde litoral urbano da área atlántica a través da recuperación de bens en desuso do patrimonio militar, marítimo e industrial das cidades costeiras. O programa, para o que se destinaron 3,2 millóns de euros, comezou no ano 2017 e rematará a mediados do 2021. Ferrol lidera o proxecto, que integran outras oito cidades: Cádiz, Ílhavo (Portugal), Plymouth e Liverpool (Inglaterra), Caen e La Rochelle (Francia), Limerick e Cork (Irlanda)


O Concello prevé ter executado para o verán o 100 % do orzamento do proxecto europeo MMIAH

O Concello de Ferrol prevé ter executado para o verán o proxecto europeo Maritime, Military and Industrial Heritage of the Atlantic Area Coast’ (MMIAH) co 100 % do orzamento executado. A concelleira de Economía, Facenda e Turismo, María Teresa Deus, trasladou esta mañá aos grupos da oposición durante a comisión ordinaria de Economía, Facenda, Emprego e Recursos Humanos as cifras da execución global do programa, que comezou a mediados de 2017 e remata a mediados deste ano.

O Concello de Ferrol lidera desde o inicio o proxecto, que busca poñer en valor o borde litoral urbano da área atlántica a través da recuperación de bens en desuso asociados ao patrimonio militar, marítimo e industrial das cidades costeiras, facilitar o seu uso e xerar actividades co fin de promover o turismo cultural como factor de sustentabilidade económica. Participan no proxecto, ademais de Ferrol como líder da iniciativa, outras oito cidades —Cádiz, Ílhavo (Portugal), Plymouth e Liverpool (Inglaterra), Caen e La Rochelle (Francia), Limerick e Cork (Irlanda)—, e conta cun orzamento total de 3.288.099, 40 euros, dos que o 75 % procede do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e o 25 % restante dos fondos municipais de cada cidade.

A Ferrol correspóndelle 554.765,00 euros para os catro anos que dura o programa, dos que 416.073,75 euros proveñen de fondos europeos e o resto (138.691,25 euros) da achega do Concello. En 2017, cando comezou o programa a metade de ano, executáronse 11.520 euros; en 2018, 32.145 euros; en 2019, 113.256,66 euros; e en 2020 un total de 195.988,53 euros. Na primeira metade do presente exercicio 2021 vanse a executar os 201.854,80 euros restantes, tal e como asegurou a concelleira.

Posta en valor do patrimonio e creación dun produto turístico
O programa ten dúas liñas de actuación, unha no ámbito da recuperación e posta en valor do patrimonio histórico dos nove municipios participantes e outra orientada a crear un produto turístico conxunto co fin de aumentar a chegada de turistas. De feito, o proxecto europeo estivo presente na Feira Internacional de Turismo (Fitur) do pasado ano, antes do inicio da pandemia.

O importe xa executado destinouse a varias accións orientadas a lograr o fin co que naceu o programa. No ámbito turístico inclúense as actividades desenvolvidas para impulsar a celebración en agosto pasado da Batalla de Brión, vídeos promocionais tanto do enfrontamento entre as tropas británicas e españolas como da cidade, o deseño dunha plataforma dixital que sirva de soporte para a difusión do produto turístico que inclúa aos nove membros e a rehabilitación da torre da batería baixa do castelo de San Felipe, unha intervención adxudicada recentemente e que comezará nas próximas datas. Entre outras accións, o proxecto tamén inclúe a exposición ‘Defensa de Ferrol: A batalla de Brión’, que se habilitará a finais de marzo na Sala Cureñas do castelo de San Felipe.

Na liña coa candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial
Os obxectivos fixados polo proxecto europeo MMIAH contribúen ao impulso da
candidatura ‘Ferrol, Porto da Ilustración’ a Patrimonio Mundial. Neste senso, a
concelleira explicou que ambos campos de traballos “camiñan da man e se enriquecen unha á outra, posto que o expediente da proposta ferrolá busca precisamente a posta en valor do noso patrimonio”.

De feito, o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e a concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, mantiveron a semana pasada unha reunión co conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua, que serviu, ademais de para de estreitar a colaboración entre ambas Administracións, para programar a primeira reunión de carácter técnico para o próximo mes de marzo na que se vai poñer en común a revisión do expediente.














Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar