Novas

martes, 16 de febreiro de 2021

O Concello activou a Escola municipal de Familias coa participación de 13 persoas

A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, deu a benvida aos inscritos na iniciativa, de balde, que se desenvolve no Edificio Social entre febreiro e marzo Aínda quedan dúas prazas libres, e os interesados poden anotarse no correo electrónico prevencionasfedro@gmail.com


O Concello activou a Escola municipal de Familias coa participación de 13 persoas

O Concello de Ferrol iniciou na tarde de onte a Escola municipal de Familias, unha iniciativa que se desenvolve no centro municipal de Servizos Sociais (rúa Sánchez Barcáiztegui, 35) e inclúe seis sesión: a de onte, 15 de febreiro, o 22 de febreiro e os días 1, 8, 15 e 22 de marzo, de 17 a 18.30 horas.

A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, abriu a primeira sesión da formación e deu a benvida aos participantes, 13 en total. Animoulles “a sacar o maior proveito posible” das materias incluídas no programa e agradeceulles a súa “implicación” na educación do seus fillos e fillas.

A nova Escola municipal de Familias é unha iniciativa de balde aberta a pais e nais da cidade co fin de abordar as adiccións en catro bloques: as drogas legais, ilegais, as novas tecnoloxías —incluíndo o acceso á pornografía— e, por último, as adiccións ao xogo e apostas. A formación sobre os dos primeiros corre a cargo dos expertos da asociación Ex-alcohólicos e as outras dous de Asfedro (Asociación Ferrolana de Drogodependencias).

Trátase dunha iniciativa que busca proporcionar ás familias as ferramentas necesarias para “axudalos a afrontar posibles dificultades no núcleo familiar e sensibilizar dos riscos que entrañan as adiccións”, explicou Martínez Montero. A escola pretende mellorar as habilidades educativas, de xestión e de comunicación familiar e reforzar as súas competencias relacionadas coa educación dos seus fillos. Trátase de crear un espazo de “reflexión e de intercambio” de experiencias no que se abordan asuntos como a comunicación familiar e os estilos educativos, as normas e límites, a adolescencia, as drogas e as adicción en xeral.

Aínda quedan dúas prazas libres, e os interesados poden anotarse a través do correo electrónico prevencionasfedro@gmail.com. A formación levarase a cabo segundo os protocolos covid establecidos polas autoridades sanitarias.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar