Novas

martes, 16 de febreiro de 2021

O Concello e a Universidade activarán en maio unha guía de recursos da covid-19

O edil de Seguridade e Sanidade, Germán Costoya, indicou que a nova ferramenta estará dispoñible na páxina web municipal e contará con vídeos, infografías e enlaces a sitios oficiais con contidos relacionados coa pandemia. Trátase dun dos traballos avaliables da materia Fontes de información e recursos dixitais, de primeiro curso do grao de Xestión dixital da información e documentación


O Concello de Ferrol e a Universidade da Coruña (UDC) van impulsar a creación dunha guía de recursos da covid-19 co fin de reunir nunha única ferramenta información relacionada coa pandemia: vídeos explicativos, infografías, textos e enlaces a páxinas web oficiais, entre outros, e así servir de instrumento aglutinador de calquera aspecto de interese sobre a covid. 


O concelleiro de Seguridade e Sanidade, Germán Costoya, indicou esta mañá que a iniciativa enmárcase no convenio de colaboración que existe entre o Concello de Ferrol e a UDC para a realización de proxectos de aprendizaxe-servizo —unha metodoloxía innovadora aplicada pola institución educativa— e estará dispoñible na web municipal (ferrol.gal) a partir do mes de maio, cando está previsto que remate o proxecto coincidindo co final do segundo cuadrimestre.

Trátase dun dos traballos avaliables da materia Fontes de información e recursos dixitais, impartida pola profesora Viviana Fernández, de primeiro curso do grao de Xestión dixital da información e documentación. Un dos traballos desenvolvidos na mesma materia o pasado curso foi deseñar, implementar e dotar de contido o sitio web dunha asociación de veciños da cidade, tal e como explicou a docente. 

Un lugar “fiable” para obter información dunha forma “rápida e ordenada” 
O concelleiro indicou que o que se pretende é reunir nunha única plataforma “toda a información relevante sobre a pandemia e deste modo habilitar un lugar fiable onde consultar dunha forma rápida e ordenada as dúbidas relacionadas coa covid”. Neste senso, o edil destacou que o feito de que o proxecto se desenvolva a través UDC “é unha garantía de que se obterá un moi bo resultado”.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar