Novas

mércores, 17 de febreiro de 2021

O Concello buscará o consenso para revisar e actualizar a RPT

A Administración local vén de contratar a elaboración do novo documento, para o que se realizará unha diagnoses da situación actual e unha proposta que buscará o acordo de todas as partes afectadas. A concelleira de Economía, Facenda, Recursos Humanos e Emprego, María Teresa Deus, apuntou que a revisión da Relación de Postos de Traballo é unha “necesidade histórica”. A edil agradeceu aos representantes dos traballadores o seu bo ánimo para lograr un entendemento ao longo de numerosas conversas nos últimos meses e encomiou o labor dos funcionarios a pesar “do déficit nalgúns departamentos”


O Concello buscará o consenso para revisar e actualizar a RPT

O Concello de Ferrol vén de contratar a asistencia técnica no proceso de adecuación e modificación da actual Relación de Postos de Traballo (RPT). A concelleira de Economía, Facenda e Patrimonio, Recursos Humanos e Emprego, María Teresa Deus, apuntou esta mañá que a súa actualización “é unha necesidade histórica” do Concello e para levala a cabo realizarase unha análise a modo de diagnose da situación actual que dará pé á elaboración dunha proposta de adecuación e modificación da RPT municipal. A concelleira apuntou que “co fin de que a futura RPT municipal recolla achegas das partes implicadas e alcance o acordo dos traballadores e grupos políticos, a segunda fase do proxecto consiste precisamente na negociación colectiva da proposta”. Por último, a terceira abordará a súa tramitación e aprobación. 


Deus agradeceu aos representantes dos traballadores o seu bo ánimo para lograr un entendemento ao longo de numerosas conversas dos últimos meses e mostrou a súa confianza en que “a nova RPT cumprirá as actuais necesidades do Concello”.

Unha administración con novas competencias 
A concelleira apuntou que a revisión da RPT é “absolutamente necesaria” posto que é de 2000 aínda que a última modificación parcial foi en 2015. As competencias dos concellos “foron variando e aumentando nos últimos anos e é imprescindible revisar a actual organización e redefinir tarefas co fin de optimizar os nosos recursos”. Moitos funcionarios, dixo, están a realizar un “incansable traballo para que as cousas funcionen a pesar do déficit que sofren algúns departamentos” e insistiu en que a nova RPT “sairá adiante coa colaboración de todos”. 





Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar