O próximo mércores, o alcalde de Ferrol, Ángel Mato,
vai acompañar ao comité de empresa de Navantia na visita que os representantes dos
traballadores van facer ao Congreso dos Deputados para trasladarlles aos grupos
parlamentarios as súas reivindicacións respecto da situación do sector naval na ría de
Ferrol. Con Mato viaxarán tamén o alcalde de Fene, Juventino Trigo; a alcaldesa de
Narón, Marián Ferreiro, e o tenente de alcalde de Mugardos, José Miguel Mahía. Así o
explicou hoxe en rolda de prensa o voceiro do goberno local ferrolán, Julián Reina,
quen detallou que esta iniciativa, coa que tamén se lle vai dar visibilidade ás
mobilizacións en demanda de carga de traballo para os estaleiros, tratouse a semana
pasada nunha reunión da Xunta de Voceiros na que todos os grupos mostraron o seu
apoio á iniciativa.
O encontro cos deputados foi unha das demandas que os comités de empresa de
Ferrol e Fene lles trasladaron a Mato e a Trigo o pasado 21 de xaneiro durante unha reunión que mantiveron no pazo municipal ferrolán. Durante ese encontro, o alcalde de
Ferrol comprometeuse a facilitala “o máis axiña posible” e afirmou que trataría de que
se producira en febreiro.
Contratación das obras do carril bici de Esteiro
Durante a comparecencia desta mañá, Reina avanzou tamén os temas que tratou a Mesa
de Contratación do Concello, despois de que o pasado venres propuxera para
adxudicación a rehabilitación da torre do século XIX da batería baixa do castelo de San
Felipe.
Hoxe acordouse unha proposta de adxudicación, por valor de 66.947,63 euros
(impostos incluídos) para a repavimentación e mellora do carril bici na avenida de
esteiro, no tramo Angustias-avenida de Vigo, unha obra que, a falta de que a empresa
presente a documentación requerida, en breve poderá ser elevada ao órgano de
contratación, neste caso, a Xunta de Goberno Local. Trátase dunha actuación incluída
no POS 2018 da Deputación da Coruña. Afecta a case medio quilómetro de lonxitude
(arredor dun quilómetro tendo en conta que se vai actuar a ambos lados da calzada) e o
prazo de execución é dun mes, contado a partir da firma da acta de comprobación. Os
traballos responden á necesidade de garantir a durabilidade desta infraestrutura, polo
que se vai adoitar como solución pavimentalo con formigón armado con maia de ferro.
Terá un espesor de 15 centímetros e o acabado consistirá no fratasado e pulido do
material. Previamente, levaranse a cabo demolicións no firme actual, que poden afectar
ás vías próximas e zonas axardinadas, pero en todo caso serán repostas. As tapas de
pozos e arquetas de servizos como o saneamento ou o abastecemento de auga
colocaranse á nova cota e posteriormente acometerase a sinalización viaria horizontal,
que consistirá en marcas continuas retrorrefrectantes de 15 centímetros de ancho.
O contrato que hoxe se acordou elevar xa á Xunta de Goberno é o da reparación
do camiño C-112 e do camiño do Casal, na parroquia de Mandiá. Dita actuación,
incluída no POS+2018 (Plan de Obras e Servizos) da Deputación da Coruña, consiste
no pavimentado do viario sobre firme xa existente —na actualidade moi deteriorado—,
o fresado do pavimento, a limpeza da súa superficie, a reparación de fochancas, o
saneamento do firme, a formación e/ou perfilado de cunetas e a sinalización vertical e horizontal. Actuarase nunha superficie de 1.681 metros cadrados. Vaise adxudicar por
23.400 euros (impostos incluídos).
Edificio de Carmen Curuxeiras
Por outra banda, o concelleiro informou sobre a caída dun edificio ruinoso na rúa de
Carmen Curuxeiras. Foi o pasado sábado e non houbo que lamentar danos persoais. A
zona xa estaba valada, debido ás obras de reurbanización que o Concello leva a cabo
nesa rúa, pero o propio edil e técnicos municipais, ademais de bombeiros e Policía
Local, acudiron ao lugar para comprobar a situación e verificar a seguridade. Reina
explicou que a propiedade é responsable de executar os traballos necesarios para
asegurar o que queda do inmoble, pero que o Concello cumprirá o seu deber de
verificalo e que non dubidará en levalos a cabo de xeito subsidiario se así o requiren as
circunstancias.