O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, reiterou esta tarde en
Madrid, tras a reunión dos representantes dos traballadores de Navantia con deputados e
senadores socialistas, a “necesidade imperiosa de tomar medidas a curto e a longo prazo
para garantir a competitividade dos estaleiros”. Foi dentro da rolda de contactos do
comité de empresa cos grupos parlamentarios, na que se incluían tamén xuntanzas co
popular, co deputado do BNG e co grupo de Podemos. Nos encontros participaron, xunto co rexedor ferrolán, a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro; o de Fene, Juventino
Trigo, e o tenente de alcalde de Mugardos, José Miguel Mahía.
A representación do Grupo Parlamentario Socialista estivo encabezada polo seu
voceiro, Rafael Simancas, co que acudiron os deputados Diego Taibo, Montserrat
García, Guillermo Meijón e Adolfo Pérez Abellá, e os senadores Xaquín Fernández
Leiceaga, Antonio Vázquez Lorenzo e César Mogo.
Por parte dos traballadores, asistiron os presidentes dos comités de empresa de
Navantia Ferrol, Emilio García Juanatey, e de Fene, Adela López Rey. Estiveron
acompañados por Miguel Pol Leyva (CC.OO), Marcelino Amado Díaz (CIG), Xaquín
García Sinde (CGT) e Juan Carlos Díaz Rico (MAS). En representación do persoal da
industria auxiliar estiveron presentes Víctor Matesanz Fraguela e Roberto López
Suárez.
“O dique Cuberto forma parte do plan de competitividade”
O obxectivo era trasladar a situación “crítica”, tal como a cualificou García Juanatey,
non só de Navantia, senón da industria da comarca. E o xeito de revertela, afirmou,
pasa, especialmente, por garantir carga de traballo a curto prazo e pola construción dun
dique cuberto. En similares termos se expresou Ángel Mato, quen lembrou que a
construción desa infraestrutura “forma parte do plan de competitividade” deseñado para
converter a factoría ferrolá nun estaleiro 4.0.
Non foi a única necesidade que puxo de manifesto o rexedor. Incluíu tamén entre
os obxectivos para as plantas da empresa pública a potenciación da área de turbinas de
cara ao desenvolvemento de proxectos de eólica mariña e fixo un chamamento tanto á
Xunta de Galicia como ao Goberno de España para que as costas galegas poidan acoller
ese gran proxecto que acaba de anunciar a compañía Iberdrola.
Toda esta problemática trasladóuselles “de primeira man” aos parlamentarios
socialistas, que aceptaron a invitación dos traballadores para visitar os estaleiros da ría, co obxectivo de comprobar sobre o terreo a situación pola que pasa o sector naval neste
momento. Tamén se comprometeron a facerlle chegar ao Goberno as reivindicacións
dos representantes laborais, para que as teña en consideración.
García Juanatey celebrou a coincidencia da análise expresada polos deputados e
senadores respecto dos problemas que se lles transmitiron. “En xeral, concordan coas
nosas reivindicacións”, dixo. Pola súa banda, López Rey destacou o papel de Navantia
Fene na eólica mariña e reclamou apoio por parte do Goberno e da empresa para que o
estaleiro fenés “teña un futuro longo”.