Novas

xoves, 18 de febreiro de 2021

Apoio unánime dos grupos para entregar o galardón do Día da Muller ás traballadoras do SAF

A comisión informativa da área ditaminou a favor de recoñecer o labor “dun colectivo 100 % feminizado que coida con gran dedicación e esforzo aos nosos maiores e familias”, explicou a concelleira de Muller e Igualdade, Cristina Prados. A edil agradeceu esta mañá aos grupos da corporación “o consenso e o respaldo” mostrado “para poñer en valor a implicación durante a pandemia dunhas traballadoras das que nos sentimos moi orgullosas”


A concelleira de Muller, Igualdade, Xuventude, Minorias Étnicas e Normalización Lingüística, Cristina Prados, trasladou esta mañá aos grupos da oposición durante a comisión ordinaria de Benestar Social, Igualdade, Muller, Xuventude e Patrimonio Histórico a proposta de entregar o galardón con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, ao colectivo de traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), unha iniciativa que recibiu o respaldo unánime dos grupos. 


A edil explicou que se trata de “recoñecer o labor dun colectivo 100 % feminizado, altamente entregado e preparado” formado por mulleres que mostran “unha especial dedicación e esforzo no coidado dos nosos maiores e familias”, máis aínda “nestes momento de pandemia”. É hora, dixo Prados, de “poñer en valor a implicación durante a pandemia dunhas traballadoras das que nos sentimos moi orgullosas”. Están a facer un “gran esforzo ao poñerse na primeira liña de batalla pola covid-19”, expresou. 

Melloras laborais e de formación no novo contrato 
A concelleira engadiu que ao “importante labor” que desenvolven as empregadas do SAF se suma que se trata dun “colectivo precarizado”. Neste punto, a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, lembrou que o novo contrato do servizo, a piques de adxudicar, “incorpora melloras para estas traballadoras, tanto laborais como no ámbito da formación”. 

A responsable da área de Benestar Social mostrou a súa “satisfacción absoluta” porque o Consello Sectorial da Muller mostrara de forma maioritaria o seu respaldo a recoñecer o labor que desenvolven as empregadas do SAF, “especialmente neste momento de pandemia mantendo o delicado coidado e atención dos nosos familiares máis vulnerables”. Os grupos tamén mostraron unanimidade para respaldar a declaración institucional para o 8 M, que recolle achegas formuladas polos grupos da oposición.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar