Novas

xoves, 18 de febreiro de 2021

Dez centros escolares da comarca participan na fase intercentros do Certame Literario ‘Carmela Loureiro’

O xurado da sétima convocatoria dará a coñecer os nomes dos gañadores ao longo do mes de marzo. Trátase dunha iniciativa impulsada polo Concello de Ferrol e a Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra (CENL)


Dez centros escolares da comarca participan na fase intercentros do Certame Literario ‘Carmela Loureiro’

Un total de dez centros escolares —7 de Ferrol e 3 da comarca— participan na fase intercentros da sétima edición do “Certame Literario Carmela Loureiro”, unha iniciativa que convocan o Concello de Ferrol e a Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra (CENL) como homenaxe a unha muller que foi profesora na zona e presidenta da entidade durante anos. Ademais, dedicou o seu tempo á lingua e á comunidade galega. 


En total son 65 textos literarios de alumnos dos sete centros ferroláns —IES Saturnino Montojo, IES Concepción Arenal, IES Canido, IES Carvalho Calero, Colexio Ludy, Colexio Belén e o CEIP Almirante Juan de Lángara— e tres da comarca de Ferrolterra —CPI de Atios (Valdoviño), CPI A Xunqueira (Fene) e o IES Fene. 

O xurado encargado de seleccionar os traballos gañadores resolverá ao longo do mes de marzo e o acto público para entregar os premios estará condicionado á situación sanitaria nese momento. 

A concelleira de Normalización Lingüística, Cristina Prados, apuntou que o certame consta de dúas fases, unha interna, que xa se celebrou, e outra intercentros, e inclúe tres modalidades: microrrelatos, micropoesía e microteatro. Tamén mostrou o seu agradecemento ao alumnado dos centros educativos pola súa participación na convocatoria. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar