O Centro de Información á Muller (CIM) do Concello de
Ferrol atendeu o pasado ano 2020 un total de 169 consultas, das que 97, o 57,3 %,
procederon do colectivo de vítimas de violencia de xénero, tal e como reflexa a
memoria anual elaborada pola concellería de Muller e Igualdade, dirixida por Cristina
Prados. Un total de 18 formuláronas persoas migrantes, 3 veciñas coa algunha
discapacidade, 23 outros grupos desfavorecidos e o resto outros colectivos.
En canto á profesión, preto da metade das consultas procederon de persoas
desempregadas e máis do 72 % pertenceron á franxa de idade de entre 25 a 54 anos, o
16 % a mulleres de entre 55 a 64 anos e o 8 % ao tramo de entre 15 a 24 anos. O resto
foron de veciñas de máis de 65 anos.
En canto ao seu estado civil, o 43 % das consultas foron de solteiras, o 22 % de casadas,
o 17 % de divorciadas e o 6 % de mulleres en trámites de separación ou divorcio. Por
último, o 37 % das atencións foron a mulleres que vivían nese momento de alugueiro, o
28 % en casa en propiedade e o 13 % de acollida en vivenda dun familiar.
A concelleira resaltou esta mañá a “implicación e entrega” do persoal do CIM e
destacou que desde que comezou a pandemia “está a realizar un vital traballo de
acompañamento ás mulleres que máis o necesitan nestes momentos tan complicados”.
Neste senso, Prados insistiu en que desde o Concello, a administración máis próxima ao
cidadán, a concellería de Igualdade e Muller “ponse a dispor das mulleres que máis o
necesitan”. As nosas veciñas, dixo, “deben saber que poden contar con todo o noso
apoio”.