sábado, 20 de febreiro de 2021
O Concello repara os aseos dos mercados municipais da Magdalena e Recimil
Os traballos inclúen o acondicionamento de cisternas, a reposición de azulexos caídos e a substitución das portas danadas. O concelleiro de Mercados e Consumo, Germán Costoya, apuntou que a intervención forma parte do plan do goberno local de “apoiar e defender” o comercio local e de proximidade
O Concello de Ferrol está a proceder coas obras de acondicionamento e reparación dos aseos dos mercados municipais da Magdalena e Recimil. Inclúen, tal e como lembrou o concelleiro de Mercados e Consumo, Germán Costoya, a reparación de cisternas, a reposición de azulexos caídos, a substitución das portas danadas e o pintado e saneamento xeral dos espazos. O proxecto adxudicouse por un importe de 17.157,8 euros e contempla intervir tanto nos aseos interiores como nos exteriores do mercado da Magdalena, nos mixtos do de Recimil e nos localizados no soto de dito edificio.