Novas

sábado, 20 de febreiro de 2021

O Concello revisará as instalacións de protección contraincendios en 26 edificios municipais

A Administración local vén de contratar o servizo, que conta cun prazo de execución de catro meses e inclúe a inspección dos equipos de detección, alarma e extinción e da correcta sinalización da evacuación e medios de protección, entre outras accións. O edil de Seguridade, Germán Costoya, apuntou que o propósito do goberno local é garantir o correcto funcionamento dos sistemas “nunha aposta clara pola seguridade dos nosos veciños”


O Concello revisará as instalacións de protección contraincendios en 26 edificios municipais

O Concello de Ferrol vén de adxudicar un contrato para a inspección das instalacións de Protección Contraincendios (PCI) en 26 edificios e dependencias do Concello de Ferrol: a Biblioteca municipal, os centros culturais Carvalho Calero e Torrente Ballester, o Teatro Jofre, o Auditorio municipal, o parque Acuaciencia, mercados municipais, o centro da terceira idade da rúa Río Xubia, o centro cívico de Caranza, a Casa de Acollida, o aparcamento e peirao de carga do mercado da Magdalena, o túnel da Praza de España, o museo de historia natural, a Aula de Ecoloxía Urbana, o Ateneo Ferrolán, o Antigo Hospicio, a Casa da Xuventude, os polideportivos de Ensanche A, Esteiro e Gómez Noia, os edificios de Servizos Sociais, Urbanismo e o pazo municipal.


O prazo de execución do servizo é de 4 meses e inclúe inspeccionar as operacións de mantemento das instalacións, comprobar a existencia dos equipos de detección, alarma e extinción de incendios, o seu óptimo funcionamento e revisar a correcta sinalización de evacuación e medios de protección e do alumamento de emerxencia, entre outras accións. 

O propósito do goberno local é revisar e coñecer o estado das instalacións contraincendios, “o que permitirá afrontar a actualización daquelas que fora necesario mellorando deste modo a seguridade dos usuarios de ditos espazos”, explicou o concelleiro de Seguridade, Germán Costoya, “nunha aposta clara pola seguridade dos nosos veciños”.  

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar